A III Maratón Atlántica Coruña42 ten previsto alcanzar os 1.500 participantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportes
A-
A+

O concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo, presentou esta mañá as últimas novidades da III Maratón Atlántica Coruña42 que se celebrará na cidade o próximo 27 de abril e que conta na actualidade con 830 inscritos para o Maratón e 678 para os 10 quilómetros paralelos. “A previsión é alcanzar os 1.500 participantes no maratón, incrementando a participación nun 33% respecto de 2013, e consolidar o número de corredores na carreira paralela, esperando que máis de 3.000 persoas participen neste gran evento”, explicou o concelleiro, quen lembrou que o período de inscrición abriuse o 27 de outubro e manterase aberto até o 12 de abril, con prezos de 35 e 38 euros (con ou sen chip amarelo); e até o día 20 con prezos de 50 e 53 euros. Os desempregados e xubilados terán un desconto do 50% da cota que lle corresponda.

Como en edicións anteriores, organizaranse eventos asociados ao Maratón, destacando as seguintes iniciativas:

– ExpoRunning. Trátase dun espazo aberto a todos os cidadáns, corredores ou non, no que se reunirán firmas comerciais especializadas no deporte en xeral e o running en particular, para mostrar as últimas novidades en material e produtos; así como nutrición, centros deportivos, servizos médicos, ou prensa especializada. “Ademais completarase a súa actividade cun novo ciclo de conferencias multidisciplinares para todos os corredores e este ano promocionaranse outros eventos deportivos que terán lugar na nosa e outras cidades durante este ano”, explicou o concelleiro que indicou que este ano a iniciativa celebrarase en Palexco.

– Programa de Animación. Co obxectivo de promover a participación de todos os cidadáns, o percorrido estará amenizado con grupos de música e danza así como masterclass.

– “Ademais, os corredores populares participantes terán a oportunidade de compartir un adestramento previo cos atletas galegos máis consagrados durante os sábados previos á carreira -cando non coincida cunha competición importante como a Carreira Popular da Torre de Hércules, o sábado 29 de marzo-. A primeira destas citas será este sábado, 22 de marzo, ás 11.00 horas na Praza da Cubela, coa participación de Andrés Díaz e Paula Mayobre”, destacou Mourelo.

Respecto ao percorrido da carreira, este ano incorporaranse pequenas modificacións debido ás obras da Mariña e ao seu paso polo Porto de Oza, tendo en conta as suxestións dos corredores. Ademais, nesta ocasión os corredores chegarán até a Torre de Hércules, “un símbolo da cidade que non podía quedar á marxe de Coruña42”, destacou Mourelo, quen explicou: “Todos os proxectos que pomos en marcha son consensuados cos cidadáns e, por suposto, cando a iniciativa implica cambios de tráfico, a xestión realízase conxuntamente coa área de Seguridade e Mobilidade; así como coa área de Medio Ambiente, para seguir avanzando na consecución dos obxectivos de sustentabilidade que pretendemos en todos os nosos eventos”, explicou o concelleiro de Deportes.

Francisco Mourelo lembrou por outra banda que tras o éxito da edición 2013 de Coruña42, Coruña21, e Coruña 10, nas que participaron 8.000 corredores, os obxectivos para este ano na triloxía de probas atléticas é alcanzar os 10.000 participantes. “A incrible acollida que tiveron estas probas obrígannos a fixarnos cada vez obxectivos máis ambiciosos. Así, tamén pretendemos aumentar a afluencia de corredores procedentes doutras comunidades autónomas e Portugal e integrar o Maratón Atlántica Coruña42 na AIMS, a organización internacional que inclúe as carreiras máis importantes do mundo”, explicou Mourelo, quen engadiu: “Ademais queremos seguir aumentando a porcentaxe da poboación que adquire hábitos de vida activa, e en concreto, incrementar en participación feminina, polo menos nun 5% respecto de 2013”.

Por último, o concelleiro enumerou  o despregamento de medios que ofrecerá o evento aos corredores entre os que destaca a bolsa do corredor, que poderán recoller entre o venres 25 e o sábado 26 de abril na ExpoRunning; servizo de guardarropa; señalética da carreira; lebres; avituallamiento, instalándose tres postos fixos por volta; colectores, servizos e duchas; medalla de finisher e diplomas; servizos de podoloxía e fisioterapia; e outro tipo de materiais como o vídeo de chegada a meta e outros datos de interese grazas ao código QR no dorsal de cada participante.

Mourelo explicou que nas próximas semanas iranse coñecendo máis detalles do evento e adiantou que, en estreita colaboración co Consorcio de Turismo, está a promocionarse Coruña42 e as outras dúas grandes carreiras da cidade, nas grandes feiras de maratóns peninsulares. “De feito xa estivemos presentes no Porto, Sevilla e Barcelona e tamén estaremos na próxima cita que será en Madrid”, concluíu.

18 de marzo de 2014 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.