A gala XX aniversario de Teima permitirá conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down en Ferrol
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presentou hoxe unha das primeiras actividades que terán lugar no novo Auditorio Municipal trala apertura das instalacións programada para mañá con motivo dos actos das Pepitas e de irmandade con Mondoñedo. Trátase dunha gala aberta a todo o público coa que se conmemorará o 20 aniversario de Teima – Asociación Síndrome de Down de Ferrol. Rey Varela, acompañado de membros da entidade deu a coñecer o programa desta gala que se desenvolverá o vindeiro día 21 de marzo, a partir das 18.30 horas.
“Contigo podemos máis”, é a lenda deste evento co que ademais se conmemorará o Día Mundial da Síndrome de Down e entregaranse os primeiros Premios Down Galicia coas que a asociación quere recoñecer a colaboración de persoas e entidades. Así, nesta primeira edición, os galardoados son Alcampo Ferrol e María Ferreiro. Numerosos artistas e grupos participaran nesta Gala: Rosa Cedrónn, Enrique Ramil, Marcos Mella ou Fusion Dance, entre outros.
O alcalde manifestou o seu desexo de que o vindeiro día 21 o Auditorio se encha como mostra de apoio e de concienciación co importante traballo que diariamente realiza a Asociaición Teima –Síndrome de Down en Ferrol. Así mesmo, manifestou a súa satisfacción de que o Concello de Ferrol poda colaborar con este evento e poñer a disposición da entidade o novo Auditorio da cidade, que “dende o mesmo día da súa apertura quere ser un espazo de encontro de todos e para todos”.











