A Fundación Laxeiro inaugura a nova entrega do ciclo Os Novos coa mostra “Arturo Souto, nove óleos sobre lenzo”
No seu conxunto, a exposición mostra as diversas liñas de traballo que caracterizan a obra de Souto: a estética granítica, o tratamento da luz e a cor, as composicións complexas con primeiros planos e perspectivas en fuga, a combinación entre escenas de interior e de exterior nunha mesma obra e a esquematización dos personaxes.
Se en 2013 era Manuel Colmeiro quen Inauguraba o ciclo cunha selección de obras sobre papel de pequeno formato, pertencentes á súa primeira época, na que se mostraron por primeira vez algunhas pezas inéditas, nesta ocasión o artista elixido é Arturo Souto (Pontevedra, 1902 – México 1964), un artista que desempeñará un papel importante na configuración do que se chamou a estética granítica, un concepto que serviu para definir a forma de pintar dos Renovadores no primeiro terzo do século XX e que tivo continuidade en anos posteriores de forma diferente en cada autor do devandito grupo.
A obra que se mostra nesta exposición, lonxe de consistir en bosquexos e debuxos preparatorios, como sucedeu coa exposición de Manuel Colmeiro antes mencionada, está formada por nove óleos sobre lenzo, datados entre 1930 e 1962. Trátase, por tanto, de obras moi destacadas dentro da traxectoria do artista, moitas delas profusamente documentadas en diversas publicacións que son xa parte da imaxe de marca deste singular pintor.











