A Fundación Celta de Vigo recibirá 200.000 euros para a mellora do Museo do Celta
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o seu vicepresidente, José Manuel Figueroa, subscribiron hoxe cos directivos da Fundación Celta de Vigo, encabezados polo seu presidente, Carlos Mouriño, un convenio mediante o cal o organismo provincial dotará con 200.000 euros a Fundación para fomentar o coñecemento da historia do club vigués por parte de escolares de toda a provincia.
O compromiso pasa por organizar grupos de visita guiados para que na presente tempada os mozos de todos os municipios que o soliciten poidan percorrer de maneira gratuíta as instalacións do Museo do Celta, visitar a súa hemeroteca e observar os medios audiovisuais que albergan estas instalacións.
Ademais, faranse accesibles as instalacións en horarios compatibles cos horarios dos alumnos. Está prevista tamén a organización de actividades deportivas paralelas, supervisadas por profesionais especializados, para converter as visitas guiadas nunha xornada lúdica e instructiva para os mozos.
O convenio permitirálle ó Celta facilitar o acceso gratuíto de xogadores das escolas deportivas da Deputación, mediante invitacións, ós partidos do primeiro equipo, acompañados por monitores.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán , subliñou onte o seu desexo de que durante a duración deste convenio os escolares da provincia “coñezan a historia dun dos clubs deportivos máis importantes de Galicia, o que implica o propio coñecemento da historia de Galicia e da provincia”.
Investimentos en Vigo
Tanto Rafael Louzán como José Manuel Figueroa lembraron os investimentos actuais da Deputación en Vigo dentro da área deportiva, que pasan pola recente reforma do campo de fútbol de Fragoselo, a remodelación integral do campo federativo de Coia , a rehabilitación dos 14 campos de fútbol de herba sintética do municipio, o convenio subscrito coa Universidade para a construción do novo campo polivalente para o Vigo Rugby, a entrega de furgonetas a equipos do municipio ou as axudas directas a máis de 100 clubs e entidades deportivas da cidade. En total, estes investimentos superan os 3 millóns de euros.
Este esforzo económico compleméntase coa organización de cursos para directivos, os ciclos de conferencias sobre deporte “Xogas”, os campamentos deportivos de verán nos que participan directamente máis de 2.000 nenos de Vigo ou a organización de grandes eventos na cidade, coma o paso da Volta Ciclista a España.
O investimento da administración provincial no deporte vigués durante os últimos sete anos supera os 25 millóns de euros. Ademais, a Deputación mantén operativas 247 escolas deportivas nas que participaron desde o 2007 máis de 30.000 nenos, cunha media anual de 8.000 alumnos, e organiza unha decena de torneos deportivos cada tempada que mobilizan a milleiros de mozos de entre 4 e 17 anos.











