A Fundación aborda as bases das subvencións e o procedemento de licitación da cafetería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Consello Reitor da Fundación de Deportes de Vilagarcía reunirase esta semana para aprobar a actualización das bases das subvencións que convoca anualmente o organismo que preside Elena Suárez e para a posta en marcha do procedemento para sacar a concurso a concesión da cafetería do pavillón de Fontecarmoa. A reunión celebrarase o xoves, 6 de marzo, no salón de Plenos do Concello a partir das 20:30 horas en primeira convocatoria.

A Fundación someteu a revisión as bases das convocatorias das axudas ao deporte federado e para a realización de eventos deportivos co obxectivo de actualizalas e de facelas máis sinxelas no que á tramitación das mesmas se refire. Despois dun período no que a revisión se abriu ás propostas dos clubes, agora preséntanse os documentos redactados coas achegas das tres entidades que respostaron a esa convocatoria. S cambios céntranse principalmente na concreción de plazos para subsanación de erros e presentación de documentación e nunha maior especificación dos requisitos da documentación xustificativa dos gastos.

O Consello Reitor tamén deberá nomear a un representante na Mesa de Contratación que se reunirá para resolver o proceso de licitación da cafetería do pavillón de Fontecarmoa, paso previo á apertura prazo de presentación de ofertas do concurso.

Na orde do día da reunión prevista para o xoves inclúense outros temas de trámite como dar conta das resolucións da presidenta e da liquidación do presuposto da Fundación do ano 2013. O Consello tamén deberá votar a proposta de convenio a subscribir estre a Fundación e o Club Deportivo salvamento Vilagarcía para o uso das instalacións da piscina. Este convenio é preciso posto que, pese a tratarse de instalacións municipais, estas están xestionadas por unha empresa a través do sistema de concesión.

Por último, e a proposta da presidencia, darase conta ao Consello reitor do informe relativo ás lesións sufridas hai unhas semanas por varios deportistas nos campos de herba natural de Fontecarmoa e A Lomba.

3 de marzo de 2014 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.