publicidade hoxe

A Festa da Merenda de Aiazo, en Frades, incluirá a degustación de balde dun milleiro de tortillas de masa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFrades
A-
A+

A Asociación de Veciños “Os Pasos”, da parroquia de Aiazo (Frades), vén de presentar o programa da novena edición da Festa da Merenda de Aiazo, que terá lugar o domingo 13 de abril. Despois do forte trebón que condicionou a edición de 2013, a organización espera repetir o éxito de participación acadado nas edicións anteriores, nas que a festa deixou de celebrarse os venres pola noite e pasou a ter lugar durante o Domingo de Ramos, o que permite a participación de centos de familias da comarca.

A IX Festa da Merenda de Aiazo dará comezo ás 12:00 horas na área recreativa “Os Pasos”, na parroquia de Aiazo (Frades), coa degustación gratuíta das tortillas de masa, que se prolongará durante toda a xornada grazas á colaboración das cociñeiras de Aiazo. Ás 12:30 horas terá lugar unha das novidades da xornada: a actuación da Banda da A.C. Amigos da Música de Ordes; que dará pé a unha das actuacións máis aplaudidas da pasada edición: o bo humor e as letras acedas do home orquestra Cé Orquestra Pantasma.

Foliada da Merenda

A partir das 15:00 horas terá lugar unha gran foliada coa participación de grupos de Cerceda, Santiago, Frades, Melide e Touro. Con respecto a anos anteriores, repiten os locais de Sarillo (Aiazo) e Rexente (Ponte Carreira), así como As Sobreiras do Ulla (Touro) e Leirabuxo (Melide). As novidades deste ano serán as Pandereteiras das Encrobas (Cerceda) e Tabernícolas de Compostela. Ademais, Leirabuxo aproveitará para presentar varios temas do seu primeiro disco, “Pe de ouro, raíces de prata”.

Para o xantar, ademais das merendas gratuítas, as familias poderán escoller entre traer a comida da casa e utilizar as mesas e o entorno da área recreativa “Os Pasos” (se o tempo así o permite), ou optar por unha polbeira (de pago) que estará aberta todo o día e baixo carpa cuberta. Ás 18:30 horas comezará unha gran verbena a cargo das orquestras París de Noia e Ciclón, que se estenderá ata ben entrada a madrugada.

Tortillas de masa

Unha das organizadoras da Festa, Tamara Carreira, explica que “esperamos que este ano o tempo nos acompañe e poidamos contar con varios milleiros de visitantes, polo que xa temos previsto que haberá que facer algo máis dun milleiro de tortillas de masa”. Durante toda a xornada, todos aqueles que se acheguen pola área recreativa “Os Pasos” poderán disfrutar gratuitamente das tradicionais tortillas de masa con torriscos, coñecidas nesta comarca como “merendas”. Unhas tortillas feitas exclusivamente de masa (feita con ovos, auga e fariña) e tortillas acompañadas por torriscos (láminas de touciño de porco).

De feito, que os máis novos coñezan a tortilla de masa e a importancia que tivo en décadas pasadas é, precisamente, un dos obxectivos cos que se comezou a celebrar a Festa da Merenda hai nove anos. Tamara Carreira sinala que “en tempos de necesidade estas tortillas de masa facíanse case a diario, con máis auga e fariña que ovos”.

27 de marzo de 2014 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.