A Feira de Ideas Empresariais preséntase cos 12 finalistas do plan Inicia
A tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, visitou hoxe a IV Edición da Feira de Ideas Empresariais que o Concello desenvolve en colaboración coa Xunta no marco do programa Inicia e cuxo principal obxectivo é difundir a cultura emprendedora entre os mozos a través do desenvolvemento de iniciativas empresariais.
Cid afirmou que o programa Inicia é un dos proxectos estrela da área de Emprego e Empresa porque permite desenvolver as capacidades emprendedoras das novas xeracións. A tenente de alcalde encomiou a calidade de moitos dos proxectos presentados e animou aos estudantes a exercer un “emprendimiento responsable” porque se trata dun “ben social”.
Entre os 51 proxectos presentados nesta edición, seleccionáronse 12 pola súa orixinalidade, innovación, madurez e posibilidade de aplicación e foron expostos na Ágora na Feira de Ideas Empresariais.
No plan Inicia participaron sete centros educativos de Formación Profesional e Ensinos Especiais da cidade e un total de 220 alumnos dos que 155 presentaron proxecto empresarial. Os estudantes recibiron 65 horas formativas ao longo do programa, que conta coa colaboración da Xunta a través do Igape, organismo especializado en emprendimiento e empresas, e da Consellería de Educación.
Tres proxectos, seleccionados entre os 12 finalistas, recibiron os Premios Formación para Emprender. Trátase dos seguintes:
– Bioconspa: proxecto presentado por alumnos do CIFP de Someso que desenvolve un servizo de construción de edificacións con balas de palla.
– Atoparking: sistema de automatización e robótica industrial para visualizar as prazas libres do parking no interior e o exterior do mesmo e presentado por alumnos do IES Urbano Lugrís.
– Aldair: granxa escola que inclúe campamentos, talleres, actividades agrícolas, deportivas, rutas e xogos. O proxecto é dun grupo de estudantes do CPR López e Vicuña.
Os premios consistiron nunha tablet para cada un dos alumnos participantes e en 300 euros en material escolar para os centros educativos dos traballos gañadores pola súa implicación e colaboración no proxecto.











