A Escola Municipal de Idiomas en Ourense organiza cursos de conversa en lingua inglesa, francesa e italiana
A concelleira de Educación, Ana Garrido, presentou esta mañá, no salón de Plenos do Concello, o inicio dos cursos de conversa en lingua inglesa, francesa e italiana, organizados pola Concellería de Educación na Escola Municipal de Música. A concelleira estivo acompañada por María José Vidal, coordinadora da Escola Municipal de Idiomas.
Os obxectivos da Escola Municipal de Idiomas son ofrecer un espazo de conversa para a práctica das linguas extranxeiras, tomar parte activa en debates informais expresando opinións persoais, explicacións, desenvolvendo argumentos e comentarios e relacionarse de xeito satisfactorio con persoas de fala inglesa, francesa ou italiana.
Os cursos contan cun total de 26 horas, e darán comezo mañá 6 de marzo. Todas aquelas persoas interesadas aínda se poden apuntar solicitando a información na propia escola, na rúa da Canle, número 24. Estes cursos teñen un custe de 33 euros, que se aboarán unha vez a persoa sexa admitida no curso e asignado un grupo.
Haberá dous grupos de inglés intermedio os xoves de 18.30h a 20.30h o primeiro e de 20.30h a 22.00h o segundo, un grupo de inglés pre intermedio os martes de 19.15 a 21.15 horas e os cursos de italiano os mércores de 18.00h a 20.00h e de francés, os luns de 19.15h a 21.15h.
Escola Municipal de Idiomas
A escola conta actualmente con 160 alumnos e alumnas de lingua inglesa e os seus obxectivos son ofrecerlle á cidadanía a posibilidade de iniciar ou perfeccionar os seus coñecementos en lingua inglesa, potenciar a valoración da cultura propia a partir do coñecemento de outras culturas e o contraste entre elas, apreciar o uso da lingua estranxeira como medio para establecer relacións con persoas de procedencias distintas, tomando iniciativa para comunicar e amosando respecto cara á diversidade cultural e social e valorar positivamente o enriquecemento que outras culturas achegan á nosa e viceversa, apreciando as vantaxes que ofrecen os intercambios culturais.











