A escola infantil “A Ulloa” de Oroso oferta 32 prazas para novas inscricións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

A escola infantil municipal “A Ulloa” ofertará un total de 32 prazas para novas incorporacións de cara ao curso 2014-2015, 18 a xornada completa e 14 en xornada de tarde. Unha vez pechado o prazo de renovación de praza, o Concello de Oroso vén de facer pública a oferta de prazas para nova ocupación: 7 prazas a xornada completa para nenos/as menores de 1 ano; 3 prazas a xornada completa e outras 3 en xornada de tarde para nenos/as de 1 a 2 anos; e 8 prazas a xornada completa e 11 de tarde para rapaces de entre 2 e 3 anos de idade.

O prazo de presentación de solicitudes de novo ingreso ábrese mañá sábado 15 de marzo e rematará o 3 de abril (nenos e nenas entre 1 e 3 anos) e o 31 de maio (bebés menores de 1 ano). A listaxe provisional dos admitidos nos niveis de entre 1 e 3 anos publicarase o 15 de abril, abríndose un período de 10 días hábiles para completar información. Entre o 1 e o 10 de maio faranse públicas as listaxes definitivas dos admitidos, por orde de puntuación, e as listaxes de agarda e de excluídos. A matrícula poderá formalizarse ata o 30 de maio.

No caso dos nenos menores de un ano, a listaxe provisional de admitidos darase a coñecer do 1 ao 5 de xuño. Logo dos 10 días hábiles preceptivos de presentación de documentación adicional, a listaxe definitiva sairá entre o 17 e o 20 de xuño. As familias terán ata o 27 de xuño para formalizar a matrícula. Máis información e recollida de impresos na propia escola infantil “A Ulloa” (981 691 505).

14 de marzo de 2014 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.