A Escola de Prevención do ISSGA chega a Ourense despois de recibir a visita de 650 alumnos de Pontevedra e Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoOurenseOurensePontevedra
A-
A+
Odilo Martiñá, Adela Quinzá-Torroja, e Rogelio Martinez, na visita ao centro

Odilo Martiñá, Adela Quinzá-Torroja, e Rogelio Martinez, na visita ao centro

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, trasladou a Escola Galega de Prevención ata Ourense, para achegala durante este ano aos nenos e nenas ourensáns. Anteriormente, a escola estivo nos centros do ISSGA de Pontevedra e Lugo, onde xa a visitaron 654 alumnos.

O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá; a directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martinez, acompañaron hoxe a unha vintena de alumnos de primaria do CEIP Manuel Sueiro que, xunto cos seus mestres, coñeceron este espazo educativo e se introduciron nos conceptos básicos e nos contidos inmediatos relacionados coa seguridade e a saúde.

Con esta escola preténdese incentivar actitudes e hábitos seguros entre os escolares de primaria dun xeito ameno, didáctico e divertido. Deste xeito, actuando nas distintas etapas educativas, incúlcanse condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais aos que terán que enfrontarse como futuros empresarios e traballadores.

Tamén é importante a implicación e complicidade dos pais para acadar o obxectivo de implantar unha cultura preventiva desde idades temperás e promover medidas preventivas de riscos asociados á vida diaria dos rapaces e aos riscos laborais da súa contorna.

A actividade principal da escola desenvólvese nun espazo dividido en tres zonas diferenciadas por cores: equipamento (verde), audiovisual (amarelo) e documentación e actividades (vermello). En todas elas a información estrutúrase en catro grandes bloques temáticos: na casa, na rúa, na escola e no fogar.

Na zona de equipamento, os rapaces equípanse con cascos e chalecos e fanse unha foto que posteriormente pode baixarse da páxina web. Hai catro grandes paneis informativos con mensaxes claras e directas. Na zona audiovisual proxéctase un vídeo sobre a prevención de riscos e interactúase con eles sobre o seu contido.

Por último, na zona de documentación e actividades, poden consultar publicacións, pasatempos e cómics relacionados coa prevención, acceder a través dos equipos informáticos a diversos recursos web, aprender a través de diferentes escenarios a distinguir accións correctas e incorrectas, probar diferentes equipos de protección individual na zona de espellos coma por exemplo cascos, lentes, luvas ou arneses de seguridade, así como diversos xogos de imáns e cubos relacionados con diferentes profesións e varios paneis e lonas con recomendacións que lles permitan integrar a prevención no día a día.

7 de marzo de 2014 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.