A Despensa de Alimentos de Cambre recibe 8 toneladas de produtos da UE, Cruz Vermella e do Banco Rías Altas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambreLocal Portada
A-
A+
Alimentos para a despensa de Cambre

Alimentos para a despensa de Cambre

A Despensa de Alimentos Municipal recibiu hoxe 7,5 toneladas de produtos non perecedoiros da UE e Cruz Vermella, destinados ás máis de 170 familias que son avaliadas desde o departamento de Servizos Sociais. Así mesmo, esta mesma semana almacenáronse 800 quilos de froita procedentes do Banco de Alimentos Rías Altas. Segundo a edil de Servizos Sociais, María Jesús González Roel, as familias que demandan este servizo aumentaron desde o inicio da crise polo que a despensa municipal converteuse nun elemento indispensable do seu departamento para paliar as consecuencias polas que atravesan moitos cambreses no municipio. “Quero agradecer o traballo dos voluntarios que xestionan este proxecto e aos funcionarios do meu departamento por levar a cabo un traballo excelente. En poucos meses a despensa trasladarase a un lugar moito máis adecuado na Barcala onde poderemos dar un mellor servizo a estas familias”, apuntou.

Todos os usuarios da despensa municipal pasan primeiro polo departamento de Servizos Sociais, onde as traballadoras sociais avalían cada caso particular. A Despensa Municipal de Alimentos do Concello de Cambre, creouse en 2012 polo Departamento de Servizos Sociais e en colaboración con Voluntariado e consiste na captación, almacenamento e distribución de alimentos básicos para as familias en situación de vulnerabilidade social.

A concellaría de Igualdade, Benestar Social, , tendo en conta da situación de crise actual que supón un incremento das familias con necesidade de abastecemento de produtos alimenticios de primeira necesidade, considerou urxente e necesario a posta en marcha deste proxecto. O banco está provisionalmente situado nas instalacións deportivas de Dani Mallo e trasladarase aos baixos municipais da Barcala, anexo ao espazo cedido á Cruz Vermella e alí os voluntarios do concello e os técnicos de Servizos Sociais garantirán que os alimentos cheguen canto antes ás familias que máis o necesiten.

12 de marzo de 2014 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.