A Deputación de Pontevedra aproba un convenio co Concello de Salvaterra de Miño para construír unha Escola Infantil
A Deputación de Pontevedra vén de autorizar a sinatura dun convenio co Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia e co Concello de Salvaterra de Miño para construír unha Escola Infantil neste concello, ante a necesidade de promover a oferta de prazas públicas no primeiro ciclo de Educación infantil.
A Deputación de Pontevedra achegará o 20% do financiamento necesario para esta obra, que conta cun orzamento de 610.000 euros; o outro 20% será achegado polo Concello e o 60% restante polo Consorcio.
A nova Escola Infantil construirase nunha parcela propiedade do Concello, situada na rúa Lagoa 1, que será posta á disposición do Consorcio para a execución das obras.
O Consorcio será tamén o responsable de licitar e adxudicar os traballos de elaboración dos proxectos e de executar as obras.











