publicidade hoxe

A Deputación de Lugo mellora as instalacións dos colexios de Barreiros e Lourenzá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarreirosLourenzáLugo
A-
A+

O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo LLano, supervisou este xoves as obras realizadas nos Concellos de Burela, Lourenzá e Barreiros co financiamento do organismo provincial. Entre as actuacións realizadas atópase a construción de dúas pasarelas cubertas para mellorar a seguridade dos alumnos dos Centros Escolares Juan Rey de Lourenzá e San Miguel de Barreiros.

En Lourenzá, Alfredo LLano comprobou no CEIP Juan Rey o resultado da instalación dun teito nun tramo de escaleiras empregadas polos alumnos para saír ó patio. O organismo provincial financiou o 100% desta actuación que contou cun investimento de 2.750 euros. A Asociación de Nais e Pais de Alumnos deste centro escolar solicitou esta actuación á Deputación malia non contar a entidade luguesa coas competencias na materia e despois de que esta necesidade fose desatendida pola Xunta. Con esta actuación mellórase a seguridade dos máis de 100 alumnos que cursan estudos neste centro e que contan agora cun acceso ó patio resgardado da chuvia.

O Deputado supervisou en Barreiros as obras, financiadas polo organismo provincial con 7.000 euros, que serviron para colocar unha pasarela cuberta que comunica dúas instalacións do CEIP San Miguel. Tamén neste caso, trátase dunha actuación solicitada á Deputación pola ANPA deste centro educativo, no que estudan 85 alumnos de 3 a 12 anos, que se puxeron en contacto co organismo provincial despois de que a Xunta lles negase en repetidas ocasións o financiamento para realizar as obras.

Outras actuacións

En Burela, Alfredo LLano comprobou o resultado das obras de renovación realizadas no local da Asociación Cultural Ledicia e que tamén contaron co investimento da Deputación. En total, nos Concellos de Barreiros, Burela e Lourenzá, executáronse 11 intervencións que contaron cun orzamento total de 79.000 euros.

Con estas actuacións, o organismo provincial atende directamente ás demandas dos veciños, mellorando a súa calidade de vida ó investir en dotacións básicas, ó tempo que aforra cartos ós Concellos pois asume o 100% do investimento necesario. Ademais, con esta medida da institución luguesa actívase a economía local fomentando o emprego, xa que a execución das obras corre a cargo de Pemes e autónomos da zona.

13 de marzo de 2014 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.