A Deputación da Coruña financiará a construcción da escola infantil de San Sadurniño con 85.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSan Sadurniño
A-
A+

A Deputación da Coruña aprobará mañá en sesión plenaria ordinaria un convenio co Concello de San Sadurniño que permitirá a construción dunha escola infantil para o municipio.

A institución provincial destinará 85.000 euros para adecuar as instalacións nas que se situará este novo equipamento, no lugar do Casal. Actualmente o edificio atópase deteriorado pola falta de actividade, así que a reforma pretende, coa menor intervención posible, illar o baixo do inmoble e dotalo de todas as dependencias e instalacións necesarias para o correcto funcionamento dunha escola infantil para nenos de entre cero e tres anos.

As obras respectarán a estrutura do edificio e realizaranse baixo a premisa da conservación de todos os elementos en bo estado, introducindo ademais mecanismos sostibles e  respectuosos co medio ambiente.

O centro situarase no edificio anexo ao Pazo da Marquesa, o que permitirá utilizar os seus xardíns como patio de xogos exterior, algo necesario para un centro deste tipo. Así, o convenio tamén inclúe o seu acondicionamento e a construción do seu acceso.

Accións

En concreto, as obras supoñen a demolición dos tabiques interiores, a conservación de fachadas e da estrutura que non se vexan afectadas, así como o illamento termo-acústico do teito, ademais de divisións interiores e nova carpintería. Inclúese no convenio a instalación eléctrica, iluminación, fontanería, saneamento, calefacción e outras medidas relacionadas con medidas antiincendio e renovación do aire.

O total da obra ascenderá a 109.677 euros, dos que o 77,49% son achegados pola Deputación.

28 de marzo de 2014 | 12:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.