A Deputación da Coruña destina 95.000 euros á campaña de dinamización do comercio e hostalería de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCarballo
A-
A+

A Deputación da Coruña aprobará mañá en sesión plenaria dous convenios de colaboración con municipios da Costa da Morte para mellorar os servizos para os veciños.

O ente provincial destinará 95.000 euros á campaña para a dinamización económica “Quedamos en Carballo”. A través dun acordo co Concello de Carballo, a Deputación financiará o 80% do custo total, de 118.750 euros.  

O obxectivo desta iniciativa é facer máis atractiva a localidade e máis  competitivo o comercio do municipio a través de estratexias de dinamización e organización de eventos.

En concreto, desenvolveranse accións xunto aos sectores da hostalería e o  comercio, promoveranse actuacións de animación na rúa e actividades de lecer e tempo libre. Ademais, elaborarase un contido específico para a web e as redes sociais. Todas as actividades se levarán a cabo ao longo do presente exercicio.

O investimento da Deputación permitirá facer fronte aos gastos da realización e desenvolvemento da imaxe de marca do proxecto, así como dos materiais de difusión e de formación. Este programa enmárcase dentro dos obxectivos da institución provincial de favorecer a promoción económica e de emprego, así como a posta en valor dos municipios, sempre da man dos gobernos locais.

Protección Civil de Muxía

O pleno aprobará tamén mañá a achega de 30.000 euros á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil para a adquisición dun vehículo todoterreo. O 4×4 contará con todo tipo de equipamento para intervir en emerxencias. Así, incorporará unha ponte de sinalización, megafonía, focos de alta potencia, así como lanternas, un extintor, caixa de primeiros auxilios, e cascos de protección.

28 de marzo de 2014 | 12:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.