A Deputación da Coruña destina 300.000 euros a bolsas para estudos artísticos e de investigación
No caso da convocatoria destas últimas, ofértanse 18 bolsas divididas en cinco áreas: tres para artes plásticas, dúas para danza, catro para interpretación, seis de música e outras tres de imaxe. Cada unha delas está dotada con 8.950 euros, por tanto, en total, a institución provincial inviste 161.100 euros para que 18 coruñeses poidan financiar os seus estudos artísticos fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e así perfeccionar a súa formación.
Entre os requisitos esixidos está o de ter nacido a partir de 1984 (ou de 1983 no caso dos bolseiros beneficiados en anos anteriores), residir na provincia e non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo ou superior nivel á dos estudios para os que se solicita a axuda. Ademais, tampouco se pode ser titular de ningunha outra bolsa de estudos durante a súa duración e non superar os limiares económicos marcados nas bases.
Canto ás bolsas para a investigación, o seu obxectivo é financiar con 7.625 euros traballos, cunha duración mínima de nove meses, en cinco áreas. Resérvanse tres bolsas para a área de ciencias sociais e xurídicas, catro para a de ciencias, outras catro para ciencias da saúde, dous para enxeñaría e arquitectura e cinco para artes e humanidades. En total, esta convocatoria conta cunha partida de 137.250 euros.
Poderán optar a ela todos os residentes na provincia cunha titulación universitaria que cumpran os requisitos económicos esixidos e, como no caso anterior, que non posúan outra bolsa para a investigación, aínda que se trate dun traballo diferente.
Pago en dous prazos
Nos dous casos o pago das axudas aboarase en dous prazos. O primeiro, do 75% unha vez entregada a documentación pertinente e o 25% restante cando se acredite a finalización dos estudos ou, no seu caso, tras a presentación da memoria final da investigación realizada.
Os interesados deberán presentar a súas solicitudes coa documentación esixida no Rexistro Xeral da Deputación antes do 31 de marzo. As bases completas poden ser consultadas xa no Boletín Oficial da Provincia.
Tamén para deportistas
Estas axudas súmanse ás bolsas para deportistas que a Deputación ofrece para rapaces de entre 10 e 17 anos e mozos de 18 a 23. Cada seleccionado pode conseguir 2.500 euros para progresar na súa disciplina e acceder ás competicións oficiais.
En total, a Deputación reserva 50.000 euros para estas 20 bolsas coas que a Deputación pretende promover a práctica deportiva e apoiar a aqueles deportistas que están en pleno cambio corporal ou nas súas etapas de iniciación. O prazo de solicitude segue aberto ata o 31 de marzo e as bases completas publicáronse no BOP.
Tamén neste caso o aboamento do importe realizarase en dous pagos, un primeiro dun 40% no momento en que se adxudique a bolsa e o 60% restante facilitarase unha vez transcorridos tres meses dende a concesión e despois de que a federación deportiva correspondente acredite os resultados deportivos de 2014.











