A Deputación da Coruña convoca o V Concurso de Viñetas para a igualdade con motivo do Día da Muller
Co gallo da conmemoración do Día de Muller, mañá 8 de marzo, a Deputación da Coruña convoca o V Concurso de Viñetas pola igualdade que este ano leva por título “¿Dá igual? Igual non dá”. As bases xa están publicadas no Boletín Oficial da Provincia e o prazo de presentación ábrese mañá.
O obxectivo deste certame é empregar a viñeta para a concienciación do alumnado na necesidade de cambiar os valores e modelos para conseguir a igualdade de xénero real. Así, poderán participar no concurso todas as persoas de entre 12 e 18 anos que o consideren e tanto de forma individual como en grupo. Dende a institución provincial preténdese así facer reflexionar á mocidade, xa que é o motor do cambio no futuro.
A viñeta ou tira de viñetas (ata un máximo de seis) terán que presentarse xunto co resto da documentación no Rexistro Xeral da Deputación antes do 8 de abril. A concesión do premio decidirase antes do 28 abril e entre o xurado haberá unha persoa de recoñecido prestixio no eido do deseño gráfico.
En canto aos premios, seleccionarase a tres finalistas. Os tres serán obsequiados cunha tableta electrónica e unha colección de cómics.
Biblioteca provincial
Ademais, a iniciativa complétase cun obradoiro na Biblioteca Provincial sobre banda deseñada tamén con esta temática. Comezará o 14 de marzo e desenvolverase todos os venres ata o 4 de abril ás seis da tarde no vestíbulo do centro.
A actividade está aberta a calquera que o desexe e aínda que as sesións van dirixidas para os mozos e mozas de entre 12 e 18 anos, se acoden con irmás tamén serán atendidos polo persoal da biblioteca. Estas mesmas traballadoras guiarán os adolescentes na presentación dos seus traballos ao concurso provincial e incluso visitarán os centros escolares para conseguir unha maior difusión do certame e espertar o interese da mocidade.
As bases completas do concurso xa se poden consultar no Boletín Oficial da Provincia ou na web da Deputación.











