A Deputación da Coruña atendeu unha vintena de incidencias durante os días de temporal de vento e choiva
De feito, cada ano se asina un contrato con diferentes empresas que se ocupan da reparación urxente de danos en vías provinciais ocasionados por calquera circunstancia. Para isto, e co fin de facilitar a pronta atención das emerxencias por razóns de desprazamento, as estradas da provincia están divididas en oito zonas diferentes e cada unha delas é competencia dunha empresa determinada.
A maior parte das chamadas rexistradas na institución provincial durante os últimos días viñeron motivadas pola caída de árbores ou ramas nas vías, desprendementos de terra e pedras, ou acumulacións de auga debido ás fortes choivas. O maior número de incidencias rexistrouse, ademais, en estradas costeiras.
Ata o momento foron atendidos todos os problemas detectados, quedando á espera unha revisión máis en profundidade de calquera dano que puidera ter causado o forte temporal das últimas semanas nas estradas provinciais.











