A D.O. Ribeiro participou con éxito na feira vitivinícola Prowein 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorOurenseRibadavia
A-
A+
Stand da D.O. Ribeiro

Stand da D.O. Ribeiro

Esta semana tivo lugar en Düsseldorf (Alemaña) a feira internacional de viños e espirituosos ProWein 2014, que permaneceu aberta aos profesionais do mundo do viño desde o domingo 23 ao martes 25 de marzo no recinto feiral Messe Düsseldorf.

Un ano máis, o Consello Regulador do D.O. Ribeiro acode á súa cita anual co mercado alemán participando como expositor na feira de referencia para o sector do viño e os destilados, na que se reúnen prensa e axentes de mercado non só europeos, senón das principais rexións vitivinícolas e de consumo do mundo.

Deste xeito, o C.R.D.O. Ribeiro dispuxo dunha caseta propia na feira con espazos para as adegas Campante, Casal de Armán, Coto de Gomariz e Viña Costeira. Este contexto constitúe unha importante oportunidade de promoción e de expansión para as adegas do Ribeiro que, como en anteriores edicións, participan como expositoras no pavillón español do ICEX.

Amplamente consolidada, ao celebrar este ano o seu 21ª edición, esta feira con formato exclusivo para o sector profesional, constitúe unha cita de interese para todas as adegas, con exportación en Alemaña ou que aspiran a acceder a este mercado, pois se converteu nunha das feiras máis importantes e significativas de Europa. Isto débese ao alto nivel dos visitantes, como á importancia dos expositores, xa que os principais produtores de viños e outras bebidas alcohólicas expoñen en Prowein.

Rexistrando en 2013 a cifra de 50.000 visitantes profesionais, e alcanzando os 40.000m2 de exposición, con 3.600 expositores procedentes de 50 países, Prowein logrou o éxito de edicións pasadas.

28 de marzo de 2014 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.