A Coruña e O Porto crearán unha alianza cunha cidade francesa para impulsar a cociña atlántica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGalicia exteriorLocal Portada
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado polo seu homólogo do Porto, Rui Moreira, informou esta mañá dos asuntos nos que ambas as cidades comezarán a traballar conxuntamente, tras os encontros sectoriais mantidos onte e a reunión de traballo que se celebrou hoxe con representantes dos sectores sociais e económicos da cidade: “Foi un encontro frutífero no que atopamos máis puntos en común dos previstos inicialmente. O turismo, a cultura, as novas tecnoloxías e a cohesión social entre cidades marcarán as nosas prioridades”, resumiu Negreira quen subliñou o impulso da gastronomía atlántica e das novas tecnoloxías no ámbito das smart cities como dúas dos principais obxectivos que se llevarána cabo entre A Coruña, O Porto e unha cidade francesa.

O alcalde coruñés detallou as principais liñas nas que as dúas cidades poranse a traballar “canto antes”:

TURISMO: Tal e como explicou Carlos Negreira, alcanzouse un acordo para a promoción turística entre ambas as cidades de tal maneira que A Coruña se promocionará no Porto e viceversa a través de diferentes campañas turísticas. Ademais, os propios profesionais do sector turístico realizarán distintas accións baseadas no intercambio de experiencias.

PROXECTOS EUROPEOS: NOVAS TECNOLOXÍAS e GASTRONOMÍA: Os dous concellos empezaron a traballar nunha axenda común de proxectos europeos que lles permitan participar nas convocatorias previstas para finais deste ano 2014 e principios de 2015 relativas ás novas tecnoloxías e, en concreto, ás smart cities. Tamén se expuxo potenciar a cociña atlántica a través dunha acción que se desenvolverá de forma conxunta cunha cidade francesa que queda por determinar. O alcalde lembrou a importancia de deseñar proxectos comúns a varias cidades para optar aos fondos europes previstos no período 2014-2020, xa que a propia Unión Europea esixe a colaboración entre cidades a través de alianzas e estratexias.

CULTURA: Impulsarase o intercambio cultural entre A Coruña e O Porto que pasará, por exemplo, por aproveitar sinerxías e rotar exposicións.

COHESIÓN SOCIAL: Sentáronse as bases para iniciar un programa que favoreza a cohesión entre as dúas localidades a través do fomento de visitas que permitan aos cidadáns coñecer A Coruña e O Porto a través dun traballo ‘in situ’. Dirixirase a todo tipo de poboación con especial incidencia nos máis novos.

O alcalde da Coruña avanzou que no mes de setembro está previsto un novo encontro, esta vez no Porto, ao que tamén asistirán representantes dos sectores sociais e económicos, para seguir avanzando na axenda común das dúas cidades. Rui Moreira, pola súa banda, destacou a importancia de promocionar conxuntamente as dúas cidades como destino turístico fóra de Europa.

27 de marzo de 2014 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.