A Coruña e O Porto colaborarán en proxectos comúns que lles permitan situarse no futuro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGalicia exteriorLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asinou esta mañá un convenio de colaboración co presidente da Cámara municipal do Porto, Rui Moreira, que ten como obxectivo sentar as bases para cooperar en proxectos comúns que permitan a ambas as cidades situarse no futuro inmediato: “Este acordo serve para selar a nosa historia común pero sobre todo para prepararnos para o futuro”, asegurou Negreira.

O alcalde da Coruña lembrou a importancia que as cidades medias teñen na actualidade e a que terán nas próximas décadas, cando vivirán nelas tres cuartas partes da poboación: “Neste contexto as cidades medias, como A Coruña e O Porto, teñen moito que dicir e achegar e por este motivo é necesario reunirse, convivir, estreitar lazos e colaborar”, sinalou e engadiu: “A propia Unión Europea, na súa estratexia para 2014-2020, esixe proxectos que fagan cidade pero que conten coa colaboración entre cidades a través de alianzas e estratexias”.

Carlos Negreira, quen asegurou que este acordo marcará un “antes e un despois” nas relacións entre ambas as cidades, avanzou que durante as dúas próximas xornadas, os equipos de ambas traballarán sobre temas comúns. En concreto, esta tarde celebraranse varias reunións sectoriais nas que se falará sobre turismo, cultura ou Smart City. Tamén está programada unha visita ao porto exterior. Para mañá está prevista unha reunión de traballo xunto cos representantes de sectores sociais e económicos da cidade, ademais dunha visita á Fundación Luís Seoane e un percorrido turístico pola cidade.

Ambos os dirixentes coincidiron en sinalar a importancia deste compromiso e desta alianza que redundará nun liderado compartido e nunha cooperación para garantir un mellor futuro para as dúas cidades.

Na súa intervención, o alcalde lembrou o vínculo histórico entre ambas as cidades e puxo como exemplos o busto a Luís de Camôes na praza de Portugal ou a rúa dedicada a Paio Gómez Chairiño, na que residiu Picasso. Como anécdota sinalou que a obra do exalcalde coruñés Manuel María Puga e Parga 36 maneiras de guisar o bacallau está entre os libros máis vendidos no país veciño.

26 de marzo de 2014 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.