A Coruña bateu o record na utilización do bonobús social con preto de 4 millóns de viaxes en 2013
A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, realizou esta mañá un balance do transporte urbano colectivo durante o ano pasado, cunha diminución do 1,4% no número de pasaxeiros en 2013, por baixo da media nacional, onde a redución foi do 2,1%. Sinalou como unha noticia moi positiva a marca de viaxes que se produciron o pasado ano utilizando o bonobús social, con preto de 4 millóns de usuarios.
“A pesar desta lixeira diminución de usuarios, obsérvase un cambio de tendencia, xa que se foi reducindo de forma paulatina ese descenso ao longo dos últimos anos -en 2012 foi do 2,65% e en 2009 foi do 3,1%-. Ademais, o máis significativo é que durante o segundo semestre de 2013 produciuse un incremento do 0,65%, no número de viaxeiros”, sinalou Begoña Freire, quen continuou: “O PMUS conclúe que temos unha das redes de bus urbano máis tupidas de España, cunhas tarifas por baixo da media estatal, cun índice de viaxes por habitante e de viaxeiro por quilómetro por encima da media estatal, e estes datos indícannos que a rede de buses urbanos da nosa cidade é unha das máis utilizadas en España. Pero non nos conformamos e, por iso, imos impulsar unha serie de medidas para mellorar o servizo e tratar de incrementar o número de usuarios ao longo dos próximos anos: certificación de calidade, tarifa plana e nova cartón Millenium Plus”.
Freire destacou que en 2013 utilizaron as liñas de bus urbano un total de 20.741.430 viaxeiros e destacou que entre xullo e decembro alcanzáronse os 10.410.774 usuarios, fronte aos 10.330.656 rexistrados entre xaneiro e xuño: “No segundo semestre produciuse un incremento do 0,78%, máis de 80.000 usuarios, respecto ao primeiro semestre do ano; e do 0,65% respecto ao mesmo período de 2012”, indicou. “Pese ao descenso de 297.002 usuarios en 2013, podemos ser optimistas sobre todo co incremento que se alcanzou no mes de decembro, que concluíu con 47.385 viaxeiros máis que no último mes de 2012”, engadiu Begoña Freire.
A Coruña tamén se comportou mellor que outras cidades de similares características e dunha poboación parecida. Por exemplo, en Valladolid, o número de viaxeiros caeu un 5,15% en 2013; mentres que en Xixón e Vitoria o número final de viaxeiros no bus urbano foi moi inferior ao da Coruña, con 18 millóns e 13 millóns, respectivamente.
Freire destacou o esforzo económico realizado polo actual Goberno municipal á hora de axudar aos usuarios que utilizan o bonobús, en especial aos que máis o necesitan, o que permitiu unha cifra marca na utilización do bonobús social por persoas desempregadas, xubilados, discapacitados e escolares, con case 4 millóns de viaxes -en concreto, 3.993.421-, o que supón un 6,65% máis que en 2012. “Destinamos 8,8 millóns de euros para axudar aos usuarios do transporte público urbano que utilizaron o bonobús, o que supón un 17% máis que o último ano do bipartito”, indicou a concelleira, quen engadiu: “O maior incremento produciuse no bonobús social e no universitario, xa que os 3,9 millóns de euros que destinamos é a maior axuda aos usuarios desde o comezo deste bono social”.
Esta tendencia positiva produciuse tamén nos transbordos realizados tanto nas liñas de bus urbano, ao alcanzar un crecemento do 2,84% (32.517 usuarios) e superar os 1,17 millóns de transbordos, como os realizados co cartón da Xunta desde os buses interurbanos ao aumentar un 10,73% (46.243 usuarios) e chegar aos 477.105 viaxeiros. En ambos os casos, trátase do maior número de usuarios nun ano natural na historia da cidade.
A concelleira de Mobilidade destacou que A Coruña conta cun prezo do billete ordinario de bus urbano por baixo da media española, situación que se repite no bonobús xeral e no bonobús social, onde segundo un estudo da Organización de Consumidores de 2013 realizado en 53 cidades españolas A Coruña atópase entre as urbes cun transporte público colectivo máis económico. “Este ano imos seguir investindo recursos económicos para axudar aos usuarios do bus urbano. En só tres anos pasouse de destinar 4,9 millóns aos 7,5 millóns de euros de 2014. Este incremento do 53% respecto ao último ano do bipartito permítenos aplicar un desconto do 36% aos usuarios do bonobús ordinario e do 71% aos do bonobús social”, sinalou.
A concelleira de Mobilidade agradeceu á Compañía de Tranvías a súa disposición a mellorar o servizo de bus urbano a través das medidas contempladas no PMUS. “Entre 2012 e 2013, investiu 4,3 millóns de euros para renovar a flota e contar con 16 autobuses novos, o que supón o dobre de investimento que no período entre 2008 e 2011, e asumiu por primeira vez unha parte importante do incremento do prezo do billete de bus”, indicou Freire, quen continuou: “O diálogo e o consenso alcanzado coa Compañía de Tranvías permitiu rebaixar os custos do transporte público aos usuarios en máis de 16 millóns de euros desde 2012 até o final da concesión e tamén o Concello asumiu os 7 céntimos de subida que corresponden polo contrato asinado en 1984, o que permitiu conxelar este ano o bonobús social e tamén o universitario”.
PMUS
A concelleira Begoña Freire destacou que o primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) vai desenvolver medidas concretas para mellorar o transporte público colectivo para incrementar a súa calidade e a súa utilización polos cidadáns:
Ampliación da Rede Urbana Eficiente (REDe) cun incremento da rede Vías Prioritarias Vixiadas nos principais tramos do bus urbano, polos que circulan as liñas que dan servizo ao 86% dos pasaxeiros actuais.
Implantación do cartón Millennium Plus, un modelo máis fiable e avanzado a nivel tecnolóxico.
Implantación da tarifa plana mensual a principios de 2015, co obxectivo de incrementar nun 68% o número de usuarios en 10 anos.
Implantación dun Plan de Calidade que recollerá as propostas e demandas de viaxeiros e posibles usuarios do autobús urbano para impulsar unha reordenación da rede de buses urbanos adaptada ás necesidades dos cidadáns.
Mellora da conexión con hospitais e polígonos industriais.
Reorganización da rede de paradas e da información que se ofrece aos usuarios.











