A Coruña acolleu unha concentración de delegados da CIG en NCG Banco para denunciar “ameazas de despedimento”

Concentración na Coruña
Unha trintena de representantes da CIG en Novagalicia Banco concentráronse na Coruña, ante a sede central do Banco Etcheverría, para denunciar “ameazas de despedimento” a persoal e esixir que se abra unha mesa de negociación cos sindicatos.
Tras a protesta, o presidente do Etcheverría, Javier Etcheverría, -cargo para o que tamén foi designado á fronte do novo banco resultante, tras a adquisición de Novagalicia Banco por parte de Banesco- comprometeuse a “analizar” as súas denuncias, segundo confirmou ao representante da CIG en NCG Banco, Clodomiro Montero.
Previamente a esta reunión, Montero asegurou que as “ameazas” afectan a persoal “que non cumpra co 80% das vendas”. Ademais, asegurou que a entidade está a realizar unha “reestruturación nos servizos centrais sen informar os sindicatos”.
“Quérense forzar baixas incentivadas para pagar menos”, dixo tamén o representante da CIG, para quen estas medidas buscan “aplicar o expediente de regulación de emprego”, apuntou, tras lembrar que, antes, xa houbo outro catro na entidade.
Coa petición da apertura dunha mesa de negociación, indicou que o obxectivo é saber “si hai que seguir botando xente, si é o que se pactou co FROB -o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria-“.
POLÍTICA COMERCIAL
Por outra banda, acusou á entidade de estar a levar a cabo unha política comercial “que obriga a colocar produtos que a clientela non demanda e con ameazas de despedimentos”, reiterou. Durante a protesta, corearon lemas como ‘Negociación e non imposición’. Tamén portaban unha pancarta na que se podía ler ‘Polo mantemento do emprego e das condicións laborais’.
No marco da protesta, representantes de Recursos Humanos de Novagalicia Banco tamén se reuniron con membros da CIG, aos que confirmaron a intención de trasladar persoal de servizos centrais á rede de oficinas.
“Dixeron que sobraban 70 persoas entre A Coruña e Vigo”, manifestou Clodomiro Montero. Por outra banda, o presidente do Etcheverría comprometeuse a “contar con toda a parte social”, dixo, en alusión aos representantes sindicais.











