A Consellería de Benestar estudará a posibilidade dunha nova escola do Concello de San Sadurniño
A Consellería de Traballo e Benestar estudará a posibilidade de incluír na súa planificación de posta en marcha de novas prazas 0-3 unha nova escola infantil no Concello de San Sadurniño. O inicio da actividade desa futura escola centrou hoxe unha xuntanza mantida en Santiago entre o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, e o alcalde, Secundino García Casal.
No encontro, o alcalde informou ao xerente de que o Concello reformou un edificio que poderá albergar unha escola infantil de 41 prazas. Cara á súa posta a punto, o Goberno local abordará próximamente a adecuación e reforma do interior, ademáis de contratar e instalar o mobiliario e equipamento.
Sobre a posibilidade de asinar un convenio co Consorcio para a posta en funcionamento unha vez que a escola estea rematada, o xerente sinalou que a planificación de aperturas para o curso 2014/15 está xa pechada e presupostada, e que se estudará a posibilidade de incluir esa escola infantil na rede autonómica A Galiña Azul máis adiante.
A xuntanza de hoxe celebrouse a raíz dun escrito remitido polo Concello de San Sadurniño á Consellería de Traballo e Benestar no que o alcalde expoñía a súa intención de poñer en funcionamento a nova escola infantil.
En San Sadurniño, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar xestiona un centro de día de 40 prazas. No seu momento e cara á súa apertura, ese organismo autonómico asinou un convenio de xestión con Concello polo que ambas as partes participan nos gastos de funcionamento.











