A concellería de Cultura de Teo mostra a súa satisfacción pola calidade dos traballos do certame de canción de autor
A final do I Certame de Canción de Autor en galego `Concello de Teo´ está máis cerca e o máis importante, xa se coñecen os finalistas. Os oito afortunados que pasaron a primeira fase de selección entre o total de inscritos son: Alba María, Gamy, María Costas, MJ Pérez, Nastasia Zürcher, O Neno Elliot, Sofía Espiñeira e Susana Martínez. O 5 de abril celébrase a gala final na que cada un deles terá oito minutos para defender a súa actuación, o seu estilo e a súa calidade.
Carme Hermida, concelleira de Cultura de Teo, e membro do xurado do concurso, destaca a ledicia “pola elevada participación e polo nivel tan alto das persoas inscritas”. Tamén expresa un desexo polo mérito dos participantes, o de que puidesen pasar todos á final. Na preselección que vén de realizar o xurado nos últimos días puideron ver o traballo, o esforzo e o mérito de cada un dos artistas presentados mais segundo especifican as bases só oito poden pasar á final. “É unha mágoa non poder admirar o traballo da totalidade en directo, seguro que nos farían pasar tan bos momentos coma os que nos ofrecerán os seleccionados” explica a edil de Cultura.
A I edición deste Certame de Canción de Autor deixa outros datos moi positivos. Houbo un total de 23 inscritos, 14 homes e 9 mulleres. E moita diversidade tanto nos estilos presentados, coma na formación dos participantes e mesmo nas idades e na súa procedencia. Segundo explica Xoán Curiel, director artístico do proxecto, “houbo propostas moi interesantes e variadas con diferentes instrumentos, dende cancións máis intimistas con piano ata rap cunha base electrónica”. Entre os traballos presentados tamén se ve que hai persoas autodidactas e outros cunha formación musical e interpretativa grande.
Carme Hermida destaca que catro dos artistas presentados son do propio Concello, pero a procedencia é diversa con propostas de A Coruña, Pontevedra, A Estrada, Guipúscoa…
Curiel explica que o abano de creatividade “amósanos e danos a medida do que se está a cocer hoxe en día na nosa terra e a miña percepción de que a cultura galega está tan viva coma sempre”. O 5 de abril ás 20:00 horas no CSC da Ramallosa teremos unha boa oportunidade para desfrutar desa vitalidade da música galega.
O premio ao gañador ou gañadora será, entre outros, a gravación dun disco de 8 temas. Para tal fin, o concello pon ao dispór da/o agraciado o equipo o local de Nsaio de Teo. Asimesmo, a vencedora ou vencedor disporá dunha serie de concertos e de promoción en prensa. Ademais, tamén se contemplan dous accésits, un ao mellor artista e outro á canción máis original, ambos outorgados polo púlbico asistente.
O xurado do certame estará formado por Carme Hermida, concelleira de Cultura do Concello de Teo; Uxía Senlle, unha das artistas galegas máis recoñecidas representando á parte artística; Pepe Cunha, fundador do portal www.abretedeorellas.com en representación da prensa especializada e Montse Rivera, directora de Merlo Branco Produccións representando ás industrias culturais.
O I Certame de Canción de Autor en galego ´Concello de Teo´ está organizado polo propio Concello e conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Gadis e conta coas colaboracións de, entre outras entidades, Músicos ao Vivo, a Asociación de apoio aos Músicos Noveis Galegos Amunoga e a Cafetería A Senra (Pontevea).











