A comisión municipal vilagarcián visita o xoves as naves de Cuca en Vilaxoán
A Comisión municipal creada para abordar a problemática do traslado da actividade e traballadoras da planta de Cuca ás instalacións que o grupo Garavilla ten no Grove, ten previsto visitar este xoves as naves de Vilaxoán acompañados por representantes do grupo conserveiro. Como xa fixeron hai uns días nas instalación de O Grove, o alcalde e os voceiros de todos os grupos municipais da Corporación pretende recabar “in situ” toda a información precisa sobre as causas do traslado e as posibilidades de que a actividade e operarias retornen á localidade vilagarciá.
Despois do novo escenario que creou a sentencia xudicial que declara improcedente o traslado das traballadoras da planta de Vilaxoán ás instalacións de Garavilla no Grove, o Concello considera que o grupo conserveiro debe acatar e cumprir a sentencia de xeito que Cuca volva a producir na súa sede orixinal e que as súas traballadoras sexan repostas nos seus postos de traballo nas mesmas condicións.
Tras a visita realizada polo alcalde e os voceiros hai uns días ás instalacións de O Grove, os representantes da empresa comunicáronlles que eles daban por cumprida a sentencia co sistema de fichaxe das traballadoras en Vilaxoán e posterior traslado en autobús posto pola conserveira para que traballen en O Grove. Ademais, din que as condicións de traballo mantéñense tanto en horario como en postos.
Para a comisión municipal, esta non á solución desexada, polo o Concello remitiu un escrito ao xulgado solicitando que, dada a problemática social creada, teña a ben resolver canto antes se da por válidas as medidas adoptadas pola empresa para executar a sentencia. Mentres non chega a resposta da xuíza, os concelleiros visitarán a planta de Cuca para seguir recabando información.











