A Cofedea reunirase o xoves cos grupos políticos do Congreso
A comisión que representa ás federacións deportivas autonómicas que están en contra da implantación da licenza única deportiva (COFEDEA) reunirase o xoves 13 de marzo con todos os grupos parlamentarios do Congreso para explicarlles os motivos polos que se opoñen á licenza única deportiva que pretende implantar o Goberno de España a través da proposta de modificación do apartado 4 do artigo 32 da Lei do Deporte de 1990, actualmente en tramitación parlamentaria. Nestes momentos na COFEDEA está representado máis do 75% do deporte español, con 2.200.000 deportistas e máis de 40.000 clubs.
Os representantes da COFEDEA terán unha mañá moi completa, con reunións con todos os partidos políticos presentes no Congreso, que son os que poden paralizar a modificación desta Lei. Así, desde as 10:30 horas será un maratón de contactos explicando a súa postura. A COFEDEA considera que este cambio da Lei do Deporte Estatal é ilegal (invade competencias autonómicas), elevará o custo económico para deportistas e federacións autonómicas e xerará conflitos até agora inexistentes coa Lei do Deporte actual.
Ademais, o colectivo preparou unha carta para o presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, na que explican a súa oposición á licenza única, ao considerala prexudicial para o deporte autonómico e por tanto, tamén para o español. Este escrito estará asinado por todas as federacións presentes na COFEDEA, máis de 250 federacións autonómicas, que representan a máis de 1.500.000 deportistas.
Desde a reunión celebrada o pasado día 14 de febreiro en Madrid coa directora xeral de Deportes, Ana Muñoz, a comisión non estivo parada. Realizáronse reunións en diferentes autonomías para explicar os pasos que se están dando e buscar o maior número de apoios, e aos poucos a oposición á licenza única vai contando con maior número de federacións autonómicas. Agora mesmo a COFEDEA representa a máis do 75% do deporte español, 2.200.000 deportistas e máis de 40.000 clubs. E seguirá crecendo.











