A cidade de Ferrol acolllerá o memorial Juan Varela de natación e a Bandeira Cidade de Ferrol de Bateis
A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou hoxe dous eventos deportivos que terán lugar o vindeiro sábado, día 29 de marzo, na nosa cidade. Trátase do XXXIV Trofeo Memorial Juan Varela – XVII Trofeo Cidade de Ferrol de Natación; e da XIII Bandeira Cidade de Ferrol de Bateis. As actividades están organizadas polo Club Marina Ferrol e o Club de Remo A Cabana, respectivamente; e responsables de ambas entidades deportivas participaron en sendas roldas de prensa para presentar os torneos.
Ao respecto do Memorial Juan Varela, este celebrarase na piscina da Armada, situada en Batallóns, en horario de mañá e tarde. Martínez Galdós resaltou a “importancia desta prestixiosa competición tanto dentro como fora da nosa comunidade”. Así mesmo, sinalou que o vindeiro sábado 29 será “unha xornada moi especial para o Club Marina Ferrol, xa que se renderá homenaxe a un dos máis importantes precursores da natación na nosa cidade, o nadador Juan Varela falecido en 1980 nun tráxico accidente de tráfico”. Así mesmo, a edil ferrolá agradeceu ao Club Marina Ferrol “o seu esforzo por organizar estes trofeos que constitúen todo un clásico na nosa cidade”, así como “polo bo facer que desenvolven ao longo de todo o ano”. Nesta nova edición do Memorial Juan Varela – Cidade de Ferrol de Natación participarán deportistas pertencentes a unha vintena de clubs.
Outro dos eventos deportivos do vindeiro sábado 29 en Ferrol será a XIII edición da Bandeira Cidade de Ferrol de Bateis, en que participarán os clbus de remo de Celeiro, Cedeira, Mugardos, Ares, Narón, Mera, Perillo, Ribeira, Rianxo, Cabo de Cruz, Pobra, Esteirana, o Marítimo de Ferrolterra e o equipo local: o Club de Remo A Cabana – Ferrol. En total máis de 240 remeiros daranse cita o sábado na enseada da Malta. A regata enmárcase dentro da liguilla de bateis da Federación Galega de Remo, sendo a partir da próxima fin de semana as regatas clasificatorias. A primeira delas terá lugar en Esteiro (Muros) o 5 de abril e será clasificatoria para o Campionato Territorial Norte.
Martínez Galdós aproveitou a presentación desta “Bandeira Cidade de Ferrol de Bateis” para anunciar que se mellorará o acceso á nave da Graña que serve de sede para os equipos de remo da cidade. A estes traballos se destinarán ao redor de 5.000 euros e se prevé que estean rematados coincidindo coa competición do vindeiro sábado.











