A Casa da Muller de Ferrol acolle obradoiros para menores de 3 a 12 anos todas as tardes
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, estivo esta tarde cos nenos/as que participan no novo programa de obradoiros lúdicos e formativos “Ferrol Concilia” posto en marcha pola Concellería de Igualdade que dirixe Verónica Casal Míguez, e que dende principios deste mes e até o vindeiro mes de outubro se desenvolven nas instalacións municipais da Casa da Muller. A día de hoxe un total de 82 menores con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos están xa anotados para participar nesta iniciativa que é totalmente gratuíta para as familias e que ten lugar de luns a venres –en horario de tarde- e os sábados –en horario de mañá-
Así, Rey Varela, que estivo acompañado da edil Casal Míguez, visitou esta tarde ó obradoiro titulado “Petit Chef”, un dos seis talleres que se celebraron hoxe na Casa da Muller dentro do “Ferrol Concilia”. Estes foron: “Pequenos talentos”, “Inglés”, “Pre – deporte”, “Aula de Estudo” e “Pintura”. O primeiro edil da cidade destacou este programa de obradoiros polo feito de que “permite dispoñer dun lugar complementario á escola é á familia, onde os pais e as nais poden deixar os seus menores para que participen en obradoiros lúdicos e de aprendizaxe, mentres realizan as súas actividades laborais e persoais diarias”. Neste sentido, Rey Varela manifestou que a conciliación, como medida para o fomento e a consecución da igualdade, é un dos eixes das políticas de Igualdade que se están a impulsar dende o Concello de Ferrol neste mandato.
De feito, o rexedor ferrolán lembrou que ademais de “Ferrol Concilia”, o Goberno Municipal ten aberto o prazo de inscrición da segunda edición do programa “Tempo para Avanzar”, dirixido a mulleres con menores ao seu cargo de idades comprendidas entre os 0 e os 12 anos e o obxectivo do mesmo é facilitar a conciliación a mulleres que traballen ou cursos estudos. “Tempo para avanzar 2”, que terá como sede a ludoteca do Cantón de Molíns, prolongarase até o 31 de decembro de 2014 e as mulleres interesadas en beneficiarse desta iniciativa deben presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol, en horario de 09.00 a 14.00 horas (de luns a venres) e de 09.00 a 13.00 horas (os sábados). As solicitudes de inscrición se poden recoller nas propias dependencias do Rexistro Municipal.
Novos obradoiros de “Ferrol Concilia”
En canto aos obradoiros que oferta o programa “Ferrol Concilia”, que se trasladarán ao novo espazo infantil cuberto da praza de España tan pronto como estea dispoñible, estes son:
-Obradoiro dos sentidos “Vexo vexo”, que consiste en coñecer a través dos sentidos o ámbito físico e social máis próximo aos menores.
-Obradoiro de “Chiquirritmo”, que pretende desenvolver a memoria auditiva e a capacidade rítmica.
–“Cores”, para favorecer a creatividade e a imaxinación dos menores así como o desenvolvemento da comunicación verbal e non verbal a través das artes plásticas.
-Obradoiro de contos e animación á lectura “Érase unha vez” ,que pretende iniciar aos menores no mundo do libro e das bibliotecas.
-Actividade de apoio escolar ao estudo asistido “Aula Estudio”, que consiste en mellorar e asentar o rendemento escolar dos participantes.
-Obradoiro de inglés “Bilingual”, para afianzar os coñecementos de inglés e ampliar o vocabulario e a fluidez verbal.
-“Pre – deporte” e “Salta, saltarín”, que consisten en dar a coñecer os deportes tradicionais e mellora a súa motricidade e control corporal.
– Taller de debuxo e pintura “Pequenos talentos”, para descubrir e valorar as capacidades artísticas.
-Obradoiros “Música Maestro”, que permite espertar un interese pola música e o seu mundo.
-Obradoiro de costura creativa “Dedais”, para aprender a coser a man e máquina, e iniciarse no mundo do crochet e patchwork.
-Obradoiro de cociña fácil “Petit Chefs”, para estimular o interese pola comida sá e o mundo da cociña.
-Obradoiro multideporte “Pasa a bola”, que consistirá na práctica dun deporte en equipo como elemento de relación e desenvolvemento.
Así mesmo, os menores de entre 10 e 12 anos, poderán participar no taller de cine e videocreación “Rodando” e no taller de radio “Radio Chiquitín”.











