A Casa da Cultura de Lousame acolle a presentación do libro “Elefantes y hormigas”, de Fernando Salgado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O salón de actos da Casa da Cultura de Lousame acollerá este venres, ás 20:30 horas, a presentación do libro “Elefantes y hormigas” do xornalista arousán Fernando Salgado. Un acto aberto a toda a veciñanza de Lousame e que contará coas intervencións da alcaldesa Teresa Villaverde, do propio Fernando Salgado, da escritora Montse Fajardo e de Julio Patachiuta, persoa en cuxa vida se inspira esta obra. O acto contará tamén coa actuación musical de Kevin Patachiuta, ao violín.

“Elefantes y hormigas” é o primeiro libro de Fernando Salgado e conta a historia de Julio Patachiuta, veciño de Vilagarcía de Arousa nacido en Macedonia. O libro recrea a vida deste home, dende o incendio provocado polos nazis que lle custou a vida á súa nai ata como o seu irmán maior foi vítima dos partisanos pro-británicos ou a súa estancia nun campo de concentración nazi. Un amplo percorrido vital que supón tamén unha semblanza de gran parte da historia de Europa do século XX.

En “Elefantes y hormigas”, Salgado conta as experiencias de Patachiuta no confinamento nazi, o seu paso como vendedor de tabaco nos prostíbulos de Bolonia (Italia), o seu traballo na confección de prendas de pel en Bos Aires (Arxentina), o seus anos de bonanza económica en Canadá e a súa vida en Vilagarcía de Arousa nos anos noventa, onde rexentou unha cafetería. Un amplo periplo vital que mesmo o levou a descubrir o seu verdadeiro nome: Stergios Patakioutas Skrimbas, que é o utilizado no libro.

Fernando Salgado é xornalista e a súa traxectoria profesional transcorreu por xornais como Diario de Galicia, Diario 16 de Galicia, Atlántico Diario e La Voz de Galicia. Na actualidade é o delegado do Diario de Pontevedra en Vilagarcía de Arousa, onde tamén colabora en Radio Arosa (Cadena SER). Tamén ten publicado artigos en Tempos Novos, A Trabe de Ouro e Ardentía; ademais de escribir o blog: http://oblogdefernandosalgado.blogspot.com.es/.

19 de marzo de 2014 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.