A carreira pedestre ‘Batalla de Cacheiras’ en Teo xa conta con 700 atletas inscritos
A carreira pedestre Batalla de Cacheiras 2014 organizada polo Concello de Teo supera a súa propia marca con case 700 inscritos, case 200 máis que os participantes do ano pasado. Unha vez pechada a inscrición hai 398 escolares anotados e 280 adultos. A carreira celébrase este domingo 23 de marzo dende as 10:45 horas e a saída e a meta estarán no exterior do CEIP da Ramallosa. A proba conta co control técnico da Federación Galega de Atletismo a través da Delegación de Santiago.
A carreira absoluta terá un percorrido de 11 quilómetros e nela participarán as categorías júnior, promesa, sénior e veterano, atletas nados antes do ano 1996. A saída será en torno ás 12:00 horas. As categorías infantil, cadete e xuvenil cubrirán un circuíto de 3.500 metros. As carreiras comezarán coas categorías dos máis cativos. Os primeiros en tomar a saída serán os pitufos (nados no 2009 e posteriores) que correrán 200 metros. A continuación os prebenxamín (nados no 200 e 2008) cubrirán 500 metros, para seguir os benxamíns (nados no 2005 e 2006) que correrán 1.000 metros e pecharán esta parte os alevíns (nados nos anos 2003 e 2004) tamén con 1.000 metros.
Os dorsais recolleranse entre as 09:30 e as 10:30 horas na secretaría da competición, no Polideportivo Municipal Ezequiel Mosquera, a carón do Colexio da Ramallosa. Dende a organización destacan que non se entregarán dorsais despois da hora límite das 10:30 horas xa que as competicións comezarán ás 10:45. Está previsto que a entrega de premios das categorías pitufos, prebenxamín, benxamín e alevín se fagan ás 11:45 horas mentras que a entrega de galardóns do resto das categorías será a partir das 13:30 horas.
Haberá premios e agasallos para os tres primeiros clasificados das categorías establecidas en homes e mulleres; para as tres primeiras mulleres e os tres primeiros homes da carreira absoluta, para o participante máis novo e o máis veterano que logren concluír a proba, para o primeiro equipo federado clasificado, para o centro escolar que achegue máis participantes que rematen a carreira e para o primeiro clasificado de Teo en cada categoría.











