A campaña “Dálle luz á túa factura” fai parada en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrol
A-
A+

O Instituto Galego de Consumo ofrecerá mañá xoves unha xornada informativa en Ferrol para achegar aos consumidores e usuarios a nova campaña Dálle luz á túa factura, unha iniciativa de divulgación, formación e sensibilización coa que a Consellería de Economía e Industria persegue facer máis compresible a factura da luz resolvendo as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.

O encontro celebrarase a partir das 18 horas no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta (Camilo José Cela, s/n). Na xornada presentarase o simulador eléctrico, unha aplicación que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta desglosa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.

Os asistentes poderán consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución as súas reclamacións. Ademais, recibirán consellos sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar.

19 de marzo de 2014 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.