A Aula de Natureza abre o prazo de inscrición para a participación nas actividades de Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Os nenos e nenas de entre 6 a 13 anos que o desexen poderán participar durante as vacacións de Semana Santa nas actividades que a Concellería de Educación organiza na Aula de Natureza de Oira, os días 14, 15, 16 e 21 de abril. As actividades pretenden achegar aos participantes a un entorno saudable, con divertidas actividades baseadas na natureza e no medio ambiente. Nas mesmas, inculcaranse nos nenos e nenas a importancia da conservación do medio ambiente, e a directa implicación deste na nosa vida e saúde, como parte integrante que somos del.

As actividades xirarán en torno á flora e fauna propia da nosa provincia, actividades de reciclaxe, orientación, cambio climático ou xardinería. Celebraranse en grupos non superiores a 20 nenos e nenas, en horario de mañá (10 a 13 h) e tarde (16 a 19 h).

Mañá 1 de abril abre o prazo de inscrición nas actividades, que teñen un custo de dez euros. Interesadas e interesados poden formalizar a súa matrícula ata o 11 de abril, na Aula de Natureza do Miño, no Paseo Fluvial de Oira, a través do teléfono 988510781, ou por email aulanatureza@ourense.es.

Os obxectivos do programa son os seguintes:

– Coñecer, gozar e defender o noso contorno natural, flora, fauna e aspectos de xardinería, estendendo as posibilidades de uso ás actividades cotiás.

– Aprender a empregar e dar unha segunda vida a materiais que son reutilizables.

– Concienciar da necesidade de realizar reciclaxe.

– Gozar do contorno e comprender a oferta lúdica que representa, ademais de fomentar o respecto mutuo e a convivencia no desenvolvemento das actividades.

– Posibilitar un comportamento cotiá acorde coa postura de defensa e recuperación do equilibrio ecolóxico.

– Fomentar diversos xogos populares.

– Coñecer a importancia da auga para a vida, a saúde e o desenvolvemento.

– Concienciar do cambio climático.

– Conciliar a vida familiar e laboral.

– Fomentar actitudes de compañerismo entre nenos e nenas que acuden á aula.

31 de marzo de 2014 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.