A aula da Uned de Lalín xa conta con oficina de asesoramento empresarial
Os empresarios e autónomos de Lalín, da Comarca de Deza e tamén da de Tabeirós-Terra de Montes, dispoñen desde hoxe de oficina de asesoramento empresarial, situada na Aula universitaria da Uned.
O alcalde de Lalín, José Crespo, e o presidente da Deputación, Rafael Louzán, presidiron esta mañá na propia Aula da Uned, a posta en servizo desta iniciativa da Deputación de Pontevedra, a través do programa Depotic financiada con fondos FEDER, que terá como obxectivo primordial axudarlles aos pequenos empresarios e aos autónomos a mellorar a súa competitividade a través do uso das novas tecnoloxías. Foi nun acto no que tamén interviu o xefe de Novas Tecnoloxías da Deputación, Amancio Varela, e no que participaron unha nutrida representación de alcaldes da dúas anteditas comarcas, así como de empresarios da zona. Asistiron tamén os concelleiros lalinenses Román Rodríguez, María José Batán, María Álvarez, María Paz Pérez e Camilo Conde.
Este centro, situado nas dependencias da Aula da Uned, cedida gratuitamente polo Concello de Lalín, funcionará como un punto especializado de asesoramento para autónomos e microempresas. Terá un horario de luns a venres de 10 a 21 horas e os sábados de 10 a 14 a fin de axeitarse ao máximo posible aos horarios dos empresarios, adaptable ás demandas dos empresarios.
As peticións de asesoramento poden facerse de xeito multicanle: prioritariamente de xeito presencial, pero tamén vía telefónica, web, por correo electrónico ou ben a través doutros dispositivos móbiles.
O centro provincial de asesoramento empresarial de Lalín será un dos seis centros provinciais que porá en marcha a Deputación de Pontevedra á disposición das 64.000 micropemes e autónomos na provincia.











