A área de xuventude de Vilagarcía organiza un curso de condución e manexo de carretilla elevadora
A Concellería de Xuventude segue a poñer en marcha novas iniciativas tendentes a loitar contra o paro e a facilitar o acceso da mocidade ao mercado laboral. Neste caso, organizando un curso de formación para condutores de carretilla elevadora, un posto de traballo bastante demandado e para o que se esixe un certificado de cualificación. A participación é gratuíta e o prazo de inscrición vai do 17 ao 24 de marzo.
Un total de 14 mozos e mozas en situación de desemprego con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos poderán participar no curso de Carretilla elevadora. A través desta acción formativa os alumnos adquirirán os coñecementos básicos pata obter a certificación que o habilite para conducir e operar con carretilla elevadora. Tamén desenvolverán as competencias e habilidades precisas para manexar con seguridade e estabilidade este vehículo de carga e descarga e complementar a súa formación profesional, mellorando así as súas posibilidades reais de incorporación ao mundo laboral.
O curso consta de 25 horas lectivas das cales 20, as teóricas, impartiranse a distancia e as 5 restantes serán presenciais e consistirán na realización das prácticas de condución e manexo da carretilla elevadora. A sesión presencial do curso levarase a cabo o sábado 29 de marzo nunhas instalacións axeitadas, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
As persoas interesadas en realizar esta acción formativa deberán presentar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello entre os días de marzo en horario de 8:00 a 14.30 horas. Os formularios poden recollerse na Concellería de Xuventude ou imprimir a través do taboleiro de anuncios da web municipal. As prazas cubriranse por rigorosa orde de entrada no Rexistro.











