A área de Saúde de Ourense organiza dúas representacións escolares dentro do programa TeatroSaúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Concellería de Saúde do Concello de Ourense organiza dúas representacións para escolares ourensáns da obra de teatro Fuenteovejuna, a cargo do grupo Joven Compañía, que terán lugar o día 28 de marzo, no Auditorio Municipal. A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza desta mañá esta actividade, incluída no programa TeatroSaúde, que desenvolve a Concellería de Saúde do Concello de Ourense, á que asistirán alumnas e alumnos de segundo ciclo da ESO, Bacharelato e ciclos formativos dos centros educativos da cidade, acompañados de profesorado, nais e pais.

TeatroSaúde é un programa complementario do proxecto municipal de prevención das adiccións e promoción da saúde. Coas representacións teatrais ínvitase ao público a pensar, a comprender e a extraer do que pasa no escenario algo máis cun mero placer visual, co obxectivo de fomentar a promoción da saúde.

“Fuenteovejuna” é un espectáculo de sala, con vinte actores e actrices que, respectando o texto de Lope de Vega, sintetizan a trama argumental, adaptando as palabras ou estruturas para unha mellor comprensión.

A Concellería de Saúde elixiu esta obra pola universalidade e a vixencia da súa mensaxe, a beleza e musicalidade do texto, a importancia e a forza poderosa da historia que relata, sobre a xustiza e o amor, temas recurrentes nos adolescentes, o público ao que se dirixe a obra.

As dúas representacións terán lugar o venres, día 28 de marzo, ás 10.00 e ás 12:30 horas, no Auditorio Municipal.

6 de marzo de 2014 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.