A área de educación de Teo anima aos escolares a coñecer de preto a música tradicional
Esta mañá os/as nenos/as do CEIP da Igrexa-Calo puideron coñecer de preto a música tradicional. E para facelo nada mellor ca escoitala, vela, tocala e sobre todo aplaudila. O alumnado de 2º e 3º ciclo de primaria de seguido comezou a aplaudir cando escoitaron os sons de muiñeiras, xotas ou habaneras.
A concellaría de Educación, dirixida por María Álvarez Garea, programa actividades extraescolares nos centros e neste trimestre a actividade céntrase no coñecemento da música tradicional, dos instrumentos, da súa historia… A programación realízase en colaboración co profesorado. Esta mañá fíxose en Calo con nenos/as de 8 a 12 anos, mentras que na Ramallosa xa se realizou a semana pasada. Está previsto que nos Tilos se faga a mediados do mes de maio.
Os encargados de levar a música ás aulas foron Gustavo Couto e Oli Xiráldez, membros de diversas formacións tradicionais como o Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia ou Os Carapaus. A través desta proposta os/as máis pequenos/as puideron ver os principais instrumentos tradicionais galegos e a súa evolución, tanto os de vento coma de corda ou percusión. Ademais da charla sobre a música tradicional o que máis atención espertou foi a mostra en directo dos instrumentos e a escoita dun pequeno concerto.
María Álvarez Garea explica que con estes concertos “queremos fomentar o gusto musical do alumnado por diferentes tipos de música e que coñezan e respecten as principais manifestacións musicais da nosa cultura”.











