A ampliación da escola infantil terá unha bonificación do 75% no ICIO tralo acordo unánime do pleno da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Pleno do Concello da Laracha, reunido hoxe en sesión extraordinaria, acordou por unanimidade aprobar a declaración de especial interese ou utilidade o proxecto de ampliación da escola infantil da Laracha, integrada na rede A Galiña Azul, o que implicará unha bonificación do 75% no imposto sobre instalacións, construcións e obras (ICIO).

Aplicando a taxa xeral, por concepto de ICIO a este proxecto corresponderíalle abonar 6.204,54. O desconto aprobado hoxe polo Pleno reducirá esa cifra ata os 1.551,14 euros, polo que aforro será de 4.653,40 euros.

A ampliación da escola infantil será cofinanciada entre o Concello da Laracha e a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. A execución da obra foi adxudicada á empresa Ogmios Proyecto S.L. por un importe superior aos 357.000 euros. A actuación permitirá aumentar a capacidade da instalación para 41 novos usuarios para un total de 115.

Liquidación exercicio económico 2013 e Informe de tesourería e intervención

Na sesión deuse conta da liquidación do exercicio económico 2013, cuxo balance deixa unhas magnitudes positivas para o Concello da Laracha. Os datos indican que a conta se pechou en 7.213.039,39 euros, preto dun dez por cento máis que o previsto inicialmente, indicativo da prudencia do goberno local á hora de elaborar os orzamentos xerais.

Ao longo do curso pasado amortizáronse anticipadamente 960.000 euros de débeda viva, o que supón preto do 75% dos créditos concertados coas entidades bancarias. Outra magnitude positiva é o remanente líquido de tesourería, que ascende aos 163.400 euros, cantidade que será destinada a investimentos no presente ano.

A boa situación económico-financeira tamén quedou patente na dación de conta do informe de tesourería e intervención correspondente ao último trimestre do 2013, no que se indica que o Concello da Laracha non ten facturas pendentes de pago. O prazo medio de cobro por parte dos provedores durante o ano pasado foi de 10,7 días desde o recoñecemento da obriga.

Modificación regulamento SAF e ordenanza reguladora da administración electrónica

O regulamento municipal do servizo de axuda no fogar (SAF) foi modificado en varios dos seus artigos para adaptalo á nova lexislación autonómica. Deste xeito cambiaranse as normas que regulan o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e a atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes e, por último, a participación das persoas usuarias no financiamento do custo do servizo. Neste asunto abstivéronse os concelleiros do grupo do BNG.

Ademais, aprobouse por unanimidade a ordenanza reguladora da Administración electrónica (accesible en sede.alaracha.es ou a través dun banner na web oficial municipal www.alaracha.es). O texto establece os dereitos e deberes que rexen as relacións por medios electrónicos dos cidadáns co Concello, fixa o marco xeral de actuación para a implantación, impulso e desenvolvemento da Administración electrónica e regula as condicións e os efectos xurídicos do uso dos medios electrónicos nos procedementos administrativos de acordo coas vixentes normas reguladoras do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Aprobación definitiva do estudo de detalle da AR-S2 “Cancelo do Medio”

Tamén houbo unanimidade no último punto da orde do día, no que foi aprobado con carácter definitivo o estudo de detalle para a ordenación de volumes nas parcelas 11 e 12 da área de reparto AR-S2 “Cancelo do Medio”.

Esta trámite urbanístico posibilitará a agrupación de dúas parcelas contiguas -que fora solicitada polos seus propietarios- para a posterior construción dunha vivenda unifamiliar.

11 de marzo de 2014 | 20:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.