A alcaldesa de Mos asina un convenio provincial para o proxecto piloto “depoGAP”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, asinaron esta mañá un convenio de colaboración entre o Concello e a administración provincial para a posta en marcha do proxecto piloto de xestión de activos “depoGAP”. Dito proxecto baséase na utilización das novas tecnoloxías para impulsar a mellora na xestión pública mosense.

Tal e como explicaron os representantes municipal e provincial, é obxecto deste convenio regular a colaboración entre a Deputación e o Concello de Mos na execución das probas piloto no marco do proxecto “depoGAP”, consistente en definir que activos se van inventariar e identificar; que información é precisa para cada un deles para realizar un inventario de activos municipais e detallar as propostas de xestión alternativas máis optimizadas, o que lle permitirá ó Concello estar en disposición de toda a información relevante para unha xestión óptima dos activos municipais e avanzar na mellora continua da calidade, eficiencia e optimización de custos.

Deste xeito, “depoGAP” consiste nunha iniciativa orientada á xestión de activos da administración local iniciada a modo de proxecto piloto que ten por obxecto realizar un inventario dos activos municipais e deseñar sistemas para unha mellor xestión dos mesmos, incluíndo ademais unha auditoría enerxética e unha proposta de medidas de aforro neste campo.

Sobre esta iniciativa, a rexedora local mosense declarou hoxe que “se trata dunha gran oportunidade para o Concello de Mos na que todo son beneficios, posto que non implica ningún tipo de achega económica por parte da administración local e sí suporá unha importante mellora na xestión dos servizos municipais a curto e medio prazo”.

O proxecto está cofinanciado nun 70% polo Ministerio de Facenda con fondos FEDER, e persegue os obxectivos de deseñar ferramentas e procedementos para unha xestión integral dos activos municipais que permita sacarlle o máximo rendemento co menor custe posible e gañar en aforro e eficiencia ó tempo que melloran a xestión de asuntos públicos e dos servizos locais.

A plataforma informática “depoGAP” disporá tanto dun cadro de mando dende o que a administración local mosense poderá xestionar a súa información, coma un Portal do Cidadán no que os veciños e veciñas de Mos poidan interactuar e involucrarse na xestión de activos municipais.

Os beneficios que lle reportará ó Concello de Mos adherirse a este convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra serán axilizar a xestión das tarefas diarias relativas ós activos municipais e tela actualizada en tempo real, a diminución de custes para as arcas municipais; e que o cidadán se vexa implicado activamente no proceso da xestión de activos (solicitude de reposición de lámpadas de alumeado público, contedores, etc., por exemplo) de xeito que se sentirá involucrado na toma de decisións repercutindo isto moi positivamente no nivel de satisfacción tanto dos veciños coma da propia administración local.

Os tres concellos seleccionados pola Deputación de Pontevedra, tras un estudo de características e indicadores de aptitude, para a implantación deste proxecto piloto son Mos, Ribadumia e A Estrada. Así, Mos é un dos tres únicos concellos nos que se implanta este programa a modo de proxecto piloto de cara a definir as ferramentas e mecanismos máis axeitados para a súa implantación no resto de concellos da provincia de Pontevedra.

O Concello de Mos foi seleccionado como un dos candidatos para realizaren as probas piloto xa que é representativo dos concellos de entre 5.000 e 20.000 habitantes da provincia. Ademais, consideráronse outros factores para esta selección coma a localización xeográfica, a superficie, a dispersión de poboación ou a renda media per cápita, polo que se fai necesaria a toma de datos por parte da empresa adxudicataria para unha correcta execución do proxecto.

No marco deste proxecto realizaranse actividades no Concello de Mos durante 25 semanas. O alcance do desenvolvemento das mesmas contempla a realización dos seguintes traballos: estudo detallado de que activos son máis idóneos para o seu inventariado, priorizando os que xeren un maior volume de gasto e identificando que información é necesaria para cada un deles; definición de mecanismos de recollida da información e realización do traballo de campo; catálogo de normas e procedementos de actuación dos activos municipais para garantir a súa actualización continua; definición funcional do sistema de xestión de activos; propostas de xestión das alternativas máis optimizadas que permitan o aforro e a mellora dos activos; e auditoría enerxética para definir propostas e medidas de aforro en aras de obter unha mellor eficiencia enerxética.

Cláusulas do convenio

Mediante a sinatura do convenio formalizado hoxe, o Concello de Mos comprométese a: determinar dous interlocutores que lideren o proceso e que actúen como persoas de referencia ante a Deputación e a empresa adxudicataria. A estes efectos os interlocutores identificarán as persoas idóneas de cada servizo ou área, tanto se son persoal propio do Concello coma das empresas de xestión de servizos públicos, para lle facilitar a organización de reunións, a execución das tarefas e a obtención dos datos necesarios á empresa adxudicataria. Poñer a disposición da Deputación e da empresa adxudicataria a información necesaria para a realización das probas piloto, en especial sobre materias como: inventarios de bens, certificacións catastrais, documentación administrativa (facturas, contratos de garantía ou contratos de seguros, entre outros) vencellada ós activos e servizos municipais, información sobre sistemas de xestión e infraestruturas a nivel municipal (iluminación, subministración de auga, recollida de augas ou viarias) e calquera outra información que se considere precisa para determinar que activos son susceptibles de inventariar e cales facilitan a súa xestión. E colaborar coa empresa adxudicataria nas visitas a instalacións e no seu traballo de campo, facilitando todos aqueles aspectos que sexan necesarios para a toma de datos.

Pola súa banda as obrigas da Deputación para coa administración local mosense son pór a disposición do Concello a definición funcional do sistema de xestión de activos que permita unha mellora continua da calidade, eficiencia e optimización de custos. Entregar un deseño da metodoloxía para a xestión eficiente e eficaz dos activos a nivel municipal que permita a sustentabilidade do proxecto no tempo. Facilitar un catálogo de normas e procedementos de actualización da información dos activos municipais para garantir que esta información estea dispoñible e actualizada ó longo do tempo. Elaborar unha auditoría enerxética que como resultado propoña medidas de aforro e eficiencia enerxética. E facilitarlle a información sobre os activos obtida no desenvolvemento das probas piloto ó Concello asinante deste convenio.

7 de marzo de 2014 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.