60 maiores poderán beneficiarse dunha nova edición do programa de termalismo social urbano
A Área de Persoas Maiores pon en marcha unha nova edición do programa de Termalismo Social Urbano, unha das actividades máis esperadas polos usuarios entre todas as que organiza polo departamento que dirixe Ángeles Rodríguez. Sesenta persoas poderán participar no programa que se repartirá en dúas quendas e que se desenvolverá como sempre no SPA Arruyos del Auga, na Avenida Rodrigo de Mendoza. O prazo de inscrición para a quenda de primavera ábrese mañá martes, 18 de marzo, e péchase o día 28 deste mesmo mes.
Co programa de Termalismo Social Urbano, o Concello pretende facilitar que as persoas maiores poidan gozar a un prezo moi reducido e ter que desprazarse a outro municipio, dos beneficios terapéuticos e relaxantes que ofrecen os tratamentos termais de xeito que incidan no sen benestar. Por iso, a cota que deberán abonar os usuarios está moi por debaixo do prezo de mercado, xa que por asistir tres días á semana ás instalacións do SPA só deberán pagar 25 euros ó mes. A duración do programa é de dous meses, tanto na quenda de primavera (do 1 de abril ao 31 de maio) como na de outono (do 15 de setembro ao 15 de novembro). En cada unha delas participarán 30 persoas.
Os requisitos que se deben cumprir para poder beneficiarse deste programa é estar empadroado en Vilagarcía, ter cumpridos os 65 anos, ou ter 55 e ser pensionista; así como non padecer ningunha enfermidade ou patoloxía incompatible cos tratamentos e actividades a recibir no SPA. Aínda que non cumpran os requisitos de idade previamente indicados, tamén poderán acollerse ao programa de termalismo social urbano aquelas persoas que precisen dun respiro familiar, situación que debe ser informada polos Servizos Sociais do Concello. Unha mesma persoa non poderá participar nas dúas quendas.











