59 das 60 federacións deportivas existentes en Galicia asinaron en contra da licenza única deportiva

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

A comisión que representa ás federacións deportivas autonómicas que están en contra da implantación da licenza única deportiva (COFEDEA) reunirase o xoves 13 de marzo con todos os grupos parlamentarios do Congreso para explicarlles os motivos polos que se opoñen á licenza única deportiva que pretende implantar o Goberno de España a través da proposta de modificación do apartado 4 do artigo 32 da Lei do Deporte de 1990, actualmente en tramitación parlamentaria. Galicia ocupa un lugar predominante dentro desta comisión, xa que as federacións galegas foron das máis activas en contra da licenza única. Desta forma, 59 das 60 federacións existentes en Galicia asinaron contra a modificación da Lei do Deporte Estatal.

O pasado 27 de febreiro celebrouse unha reunión en Santiago de Compostela na que se informou sobre a creación da comisión de federacións autonómicas e de todos os pasos que se estaban a dar para intentar paralizar a modificación da Lei de Deporte. Como resultado da dita reunión, 59 das 60 federacións galegas (un 98%) asinaron o escrito en contra da licenza única. En total, estas institucións representantan a 207.703 deportistas federados en Galicia dos 219.689 existentes e a 4.252 dos 4. 276 clubs galegos.

En toda esta loita, Galicia, con UFEDEGA á cabeza, está representada na COFEDEA e participa de forma moi activa en todas as actuacións que se están a realizar nestes últimos meses. A próxima terá lugar o xoves 13 de marzo en Madrid: Os representantes da COFEDEA terán unha mañá moi completa, con reunións con todos os partidos políticos presentes no Congreso, que son os que poden paralizar a modificación desta Lei. Así, dende as 10:30 horas será un maratón de contactos explicando a súa postura. A COFEDEA considera que este cambio da Lei do Deporte Estatal é ilegal (invade competencias autonómicas), elevará o custo económico para deportistas e federacións autonómicas e xerará conflitos ata agora inexistentes coa Lei do Deporte actual.

Ademais, o colectivo preparou unha carta para o presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, na que explican a súa oposición á licenza única, ao considerala prexudicial para o deporte autonómico e polo tanto, tamén para o español. Este escrito estará asinado por todas as federacións presentes na COFEDEA, máis de 250 federacións autonómicas, que representan máis de 1.500.000 deportistas.

Dende a reunión celebrada o pasado día 14 de febreiro en Madrid coa directora xeral de Deportes, Ana Muñoz, a comisión non estivo parada. Realizáronse reunións en diferentes autonomías para explicar os pasos que se están a dar e buscar o maior número de apoios, e pouco a pouco a oposición á licenza única vai contando con maior número de federacións autonómicas.

11 de marzo de 2014 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.