250 congresistas procedentes de 16 países analizarán en Pontevedra a historia da camelia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+
Inauguración do Congreso da Camelia en Pontevedra

Inauguración do Congreso da Camelia en Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, destacou esta tarde o potencial turístico e económico da camelia nunha provincia que cualificou como “verdadeiro berce da camelia en occidente”. Louzán fixo estas declaracións no acto inaugural do Congreso Internacional da Camellia, no que tamén participaron a directora xeral de Turismo, Nava Castro, a deputada Begoña Estévez, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o ministro de Cultura da embaixada de Xapón, Keiichiro Morishita e a presidenta da Sociedade Internacional de Camelia, a australiana Patricia Short.

Este evento reúne en Pontevedra a 250 congresistas procedentes de 16 países do mundo que, durante 5 días analizarán a historia da camelia e as súas variedades antigas; técnicas de identificación e caracterización das diferentes especies e os usos e produtos derivados desta planta, ademais de coñecer algúns dos principais xardíns de camelia da provincia e o centro de investigación de Areeiro.

Neste sentido, Rafael Louzán destacou a forte vinculación de Pontevedra e a camelia, asegurando que “nesta terra quixemos que a camelia sexa moito máis que un adorno nos nosos xardíns, para convertela nun elemento máis do noso desenvolvemento cultural, turístico, económico e científico”.

Subliñou así o papel de “centro de referencia na investigación desta planta” que exerce a Estación Fitopatolóxica de Areeiro; pero tamén a capacidade produtora da provincia, con viveiristas que abastecen deste produto a numerosos países de Europa; e a potenciación de novos usos, como a fabricación e comercialización de té e aceite.

A todo iso, hai que sumar “a magnífica ruta turística” por 12 xardíns (8 deles na provincia de Pontevedra), que os congresistas terán ocasión de coñecer durante este evento e que, en palabras de Rafael Louzán, “espero que esperten en cada un dos que aquí estades o desexo de repetir esta viaxe e de exercer de embaixadores das Rías Baixas nos vosos respectivos países”.

Pola súa banda, a deputada Begoña Estévez (encargada de abrir o acto) subliñou a relevancia deste congreso que “se celebra por primeira vez en España” e lembrou que a camelia está plenamente asentada en todas e cada unha das comarcas de Pontevedra, facendo posible “un longo percorrido desde Deza ata O Salnés, desde o Baixo Miño ata Vigo, desde Pontevedra ata Caldas… seguindo o colorido das camelias”.

Desta forma, o Congreso Internacional da Camellia converte a Pontevedra non só no centro de referencia mundial para os amantes desta planta, senón que se presenta como unha porta aberta para a súa proxección turística internacional.

Durante os 5 días que dura o congreso e ata o 19 de marzo, numerosas persoas procedentes de Estados Unidos, Australia, China, Xapón, Nova Zelanda, Gran Bretaña, Francia, Italia, Portugal, Panamá, Países Baixos, Suiza, Bélxica e Portugal, así como de diferentes partes de España, percorrerán xardíns, viveiros e outros centros relacionados coa camelia, pero tamén lugares de interese turístico da provincia. Ademais, terán ocasión de coñecer os sectores produtivos de Pontevedra por medio de diferentes actividades.

Historia da camelia e visita ao Pazo de Rubiáns

A xornada de mañá abrirase cunha conferencia inaugural ás 09,30 horas a cargo do catedrático de botánica Jesús Izco Sevillano, que disertará sobre As camelias e os procesos de globalización.

Este relatorio dará paso a diversas sesións científicas, centradas na historia das camelias e as especies antigas. A primeira das sesións dará comezo ás 10,30 horas, baixo o título Historia e camelias antigas e incluirá a presentación de 7 comunicacións sobre diversos aspectos da historia da camelia.

Xa pola tarde, ás 18,00 horas, terá lugar a reunión do grupo de traballo de Camelias Históricas da Sociedade Internacional da Camelia.

A xornada completarase cunha visita –ás 15,00 h.– a un dos xardíns que conforman a ruta das camelias, como é o do Pazo de Rubiáns, onde tamén terá lugar o xantar dos participantes no Congreso.

A visita ao Pazo de Rubiáns non só permitirá dar a coñecer a todos os congresistas a súa riqueza botánica, artística e patrimonial, senón que servirá tamén para que os responsables da Sociedade Internacional da Camelia avalíen a candidatura deste xardín a ser recoñecido como Xardín de Excelencia Internacional, como xa o foi no seu día o contorno do Castelo de Soutomaior.

O xoves e o venres terán lugar novas sesións científicas, centradas, respectivamente, nas técnicas de identificación e caracterización das camelias e nos usos e produtos da camelia. Completaranse as xornadas cunha visita ao Castelo de Soutomaior, á Estación Fitopatolóxica de Areeiro e ao Pazo de Gandarón.

12 de marzo de 2014 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.