Xa se poden tramitar na Laracha as solicitudes de axudas para a apertura de establecementos comerciais
Na Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello da Laracha xa poden tramitarse as solicitudes de axudas para a apertura de novos establecementos comerciais convocadas pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia (DOG nº 23 do 4 de febreiro de 2014), programa dotado cunha partida orzamentaria de medio millón de euros.
O plan vai dirixido aos comerciantes que desenvolvan a súa actividade en Galicia cuxa empresa empregue a menos de dez traballadores e que a data de alta no IAE estea comprendida entre o 1 de novembro de 2013 e o 30 de xuño de 2014, a data na que finaliza o prazo para presentar as solicitudes.
Considéranse actuacións subvencionables o acondicionamento do local, mellora da imaxe exterior e investimentos en tecnoloxías da información e comunicación (por exemplo, creación dunha web comercial).
Que o establecemento estea situado nun dos municipios que forman parte da Costa da Morte (como é o caso do Concello da Laracha) será un dos criterios de valoración á hora da concesión das axudas. Outros aspectos relevantes neste sentido son que a persoa titular da actividade sexa unha muller e a que o emprendedor ou emprendedora estivera en situación de desemprego durante o último ano.
A Xunta de Galicia pretende con esta convocatoria incentivar a creación de emprego en materia de comercio, así como a modernización, adecuación e calidade dos novos establecementos, potenciando ao mesmo tempo a potenciación da competitividade no sector e a mellora da atención ao consumidor.











