X Xornadas para a Igualdade entre homes e mulleres en Allariz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAllariz
A-
A+

Co lema “teño un pálpito desta vai…” foron presentadas as X Xornadas para a Igualdade que se desenvolverán do 8 ó 28 de marzo en Allariz.

Tanto a Concelleira de Benestar Social, Pilar Gallego como a técnica de Igualdade Ana Pérez Cardoso destacaron que con estas xornadas preténdese facer balance do traballo realizado ó longo destes dez anos na área de Igualdade do Concello de Allariz, facendo protagonistas os homes e mulleres que teñen traballado tanto nas xornadas como nos programas que se desenvolven de maneira permanente ó longo de todo o ano.                    

O Fogar dos Maiores acollerá o día 8 de Marzo, día da Muller, a inauguración que contará coa proxección e mesa redonda da curtametraxe “Polas Bravas…”,  realizada en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural AVINZA GDR15 na que se fai unha reflexión sobre o papel da Muller no rural. O vídeo  pretende a través das experiencias de  6 mulleres poñer de relevancia o papel tan importante que moitas mulleres de diferentes idades e procedencias están tendo no desenvolvemento alaricano. Na presentación, Carmen Álvarez, unha destas mulleres expresaba “O rural non está morto, ten vida, ten futuro e pódese apostar por el.”

Durante as tres semanas de duración das xornadas levaranse a cabo actividades os martes, xoves e venres.

Os martes haberá un programa de radio, en Radio Allariz onde se falará de toda a temática das xornadas.

Os xoves é o día destinado para os videofórums; O primeiro será o 13 de marzo onde se recollerán tres curtametraxes realizadas polo Concello de Allariz. O xoves 20 será o seguinte, en colaboración coa Fundación Vicente Risco proxectarase a curta “Mulleres da República” e rematarase o xoves 27 cunha proxección sobre outras formas de ser e estar no mundo.

En canto os venres, comezase o venres 14 cunha charla sobre “A Muller suxeito positivo no mundo do traballo”, a través da figura de Rosalía de Castro na literatura.

O venres 21 desenvolveranse dous obradoiros simultáneos (no Museo da Moda e no Muíño do Burato de Allariz ) relacionados co autocoidado: un relacionado co corpo, herbas e usos e o outro co sexualidade e masaxes. Este mesmo día, a partires das 20:30 e para rematar de forma lúdica contase coa actuación do grupo ourensán “As damnificadas e o trío motobomba” onde homes e mulleres están convidados a participar.

O venres 28, están previstos outros dous obradoiros simultáneos titulados “Repensando cousas e causas”, un relacionado cos guións de vida e a mensaxe da arte sobre o corpo e o outro cuestiona masculinidades para a equidade.

Clausuraranse estas xornadas coa  obra titulada “Reconvertendo espazos; intervencións teatrais feministas! ” que se realizará en distintos espazos do Fogar dos Maiores.

Ademais na Casa de Cultura, haberá unha exposición do 8 ó 28 de marzo sobre “10 anos de Igualdade, e máis! ”, que pretende amosar todo o que se leva traballado neste ámbito.

28 de febreiro de 2014 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.