Vitoria do Santiago Futsal tras un final de infarto

Un instante do encontro
O Santiago Futsal logrou unha importante vitoria por 5-3 a Montesinos Jumilla tras un final de infarto, no que en menos dun minuto disparáronse 3 dobres penaltis e expulsouse a dous xogadores. Os santiagueses lograron remontar até en dúas ocasións, sumando tres puntos fundamentais para continuar entre o oito primeiros.
O partido comezou cun erro defensivo do Santiago Futsal, que encaixou o primeiro gol aos 45 segundos, tras un roubo que transformou Rubén Zamora. As forzas estaban equilibradas e tras un balón ao poste de Barroso, Hamza empatou o partido aos 4 minutos marcando ao segundo pau. Os seguintes minutos foron de dominio santiagués con numerosas ocasións perdoadas.
Tras o tempo de descanso, Montesinos Jumilla aproveitou a súa única ocasión sobre a portaría defendida por Raúl, marcando Baca ao tres minutos da continuación. Pouco máis se achegaron os murcianos á portaría rival, sendo os santiagueses os claros dominadores do partido a pesar de ir por baixo no marcador. Cara ao ecuador da segunda parte chegou o empate tras un gol de Diego Quintela, podendo aumentar a renda o equipo de Santi Valladares. A escasos 5 minutos do final, Raúl e Ique tiveron un encontrón do que saíron mal parados, tendo que abandonar a pista tras facerse o porteiro unha brecha na caixa. Juanjo substituíuno e segundos despois, David puxo por diante ao seu equipo por primeira vez no partido tras un golazo pola escuadra. Inmediatamente Lolo Suazo vestiuse de porteiro-xogador e Juanjo puxo o 4-2 cun gol directo desde a súa portaría. Segundos despois Ique recortou distancias e desatouse a tolemia no Multiusos. Cos dous equipos con cinco faltas, Montesinos Jumilla desaproveitou dous dobres penaltis disparados por Lolo Suazo e Chinés, que parou Juanjo, alzándose como heroe do equipo. Con Quintela expulsado por dobre cartón chegou a sexta falta de Jumilla e a expulsión de Lolo Suazo, transformando Palomeque o definitivo 5-3 a 1 segundo do final.
Sala de prensa
Ao finalizar o partido, Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, afirmou que ”era o partido que esperabamos, coa intensidade prevista e ao final o resultado que foi xusto. Sumamos tres puntos importantísimos e sacámoslle 4 puntos a Jumilla igualando o gol-average”.
Pola súa banda, Juan Francisco Gea, adestrador do Montesinos Jumilla, afirmou ao terminar o partido que “a primeira parte estivo igualada como dixo o marcador. Na segunda parte non merecemos gañar, polo que calquera resultado que non fose este non fose xusto”.
Ficha do partido
Santiago Futsal: Raúl, David, Loito, David Pazos e Diego Quintela (cinco inicial), Barroso, Palomeque, Hamza, Eloy Vermellas, Pablo Tallón, Hugo e Juanjo.
Montesinos Jumilla: Mozo, Rober, Boyis, Rubén Zamora e Lolo Suazo (cinco inicial), Ique, Josiko, Baca, Chinés.
Goles: 0-1 Rubén Zamora (min 1), 1-1 Hamza (min 4), 1-2 Baca (min 23), 2-2 Diego Quintela (min 30), 3-2 David (min 36), 4-2 Juanjo (min 38), 4-3 Ique (min 38), 5-3 Palomeque (min 40)
Árbitros: Arce Ruiz e de Juana González do colexio cántabro
Amoestacións: Cartón amarelo para Rubén Zamora e Rober de Montesinos Jumilla e para Hamza e David. Expulsou por dobre amarela a Diego Quintela e a Lolo Suazo.
Incidencias: Partido correspondente á vixésimo primeira xornada de liga, disputado no Multiusos Fontes do Sar ante case 1500 espectadores.











