Vitoria de catro puntos do Azkar Lugo en Manacor, traballada e sufrida

Encontro en Manacor
O Azkar Lugo FS conseguiu esta tarde-noite unha vitoria de mérito a domicilio. Os lucenses desfixéronse do Hospital Llevant de Manacor por 1 gol a 4 nunha vitoria moi traballada pero á vez que sufrida xa que os mallorquíns apertaron no segundo periodo, pero a defensa lucense e Mendiola amosáronse inconmensurables. A vitoria de hoxe significa máis que tres puntos xa que os galegos fanse tamén coa golaveraxe xa que na primeira volta os de Tomás de Dios venceran en Lugo 2-4.
O partido arrincou con igualdade, a que se vería durante boa parte do primeiro acto. Pero o Azkar Lugo tiña algo máis de faísca no arranque e iso levoulle a xerar o maior perigo. Primeiro foi Iago Rodríguez o que só ao segundo pau tíñaa ante Medina, aínda que os locais tamén respondían cunha contra que Chano salvaba no segundo pau. O Azkar Lugo seguía avisando e Antonio Diz enviaba unha ocasión ao pau. Foi o preludio do gol do Azkar, xa que nun saque de banda Chano desfacíase do seu defensa e encarando a Medina batíao (0-1). Ecuador do primeiro tempo e o Azkar tiña o partido onde quería. Ademais estaba a piques de facer o segundo no peor momento dos locais. Daquela os de Tomás de Dios repuxéronse e comezaron a crear perigo, pero a defensa lucense comezaba a crer no seu traballo para manter a porta a cero. E é máis, os azuis antes do descanso ampliaban diferenzas ao 0-2 cun bo gol de Álex Diz á contra.
No segundo periodo o partido cambiou. O control era para os locais e o Azkar poñíase o mono de traballo en defensa. Pero todos os disparos exteriores dos verdes íanse desviados. E pese ao dominio, o Azkar tivo unha moi clara nas zapatillas de Zala, pero o seu disparo íase ao pau. Tanto foi o asedio local que Bruno Taffy ao minuto 26 facía o 1-2 nun disparo cruzado. Seguía o asedio local e Mendiola lucíase ao minuto 28 abortando un claro disparo, ocasión que contestaba Adrián na meta contraria nunha contra que detiña Medina. Pero o partido estaba ao lado dos de Tomás de Dios, hoxe na grada ao ser expulsado en Copa o mércores. Joselito tivo o empate no seu poder fallando unha clara ocasión no segundo pau. O Hospital Llevant Manacor colocaríase con cinco faltas no seu marcador a seis minutos do final e ao seguinte minuto Álex Diz facía a xogada do partido librándose de tres defensas para poñerlla a Chano no segundo pau, pero o gaditano mandábaa fóra. Non tardou o Manacor en cometer a sexta falta e aí o Azkar daba un paso importante cara a vitoria: o capitán Aranburu, que non participara desde o minuto dez de partido por unhas molestias no gemelo, saía desde o banquiño para executar o dez metros, primeiro Medina detiña e o disparo íase ao pau, mandando repetir os colexiados o lanzamento ao adiantar a súa posición Medina; na repetición Aranburu non fallaba e mandábaa á escadra (1-3). Aos locais tocáballes arriscar e así atacarían con porteiro-xogador durante o tempo restante, catro minutos, pero o Azkar Lugo maquillaba unha gran noite cunha defensa perfecta sen permitir aos isleños xerar ocasión algunha de perigo. A 13 segundos para o final Iago Rodríguez sentenciaba definitivamente co 1-4 e ademais os galegos gañaban a golaveraxe particular aos de Tomás de Dios.
Ficha técnica:
Hospital Llevant Manacor 1: Medina, Vadillo, Joao, Veiga e Chicho, -cinco inicial-, Lemine, Bruno Taffy, Joselito e Tomaz.
Azkar Lugo FS 4: Mendiola, Aranburu, Iago Rodríguez, Cuco e Chano, -cinco inicial-, Cospe, Álex Diz, Antonio Diz, Iago Rodríguez e Zala.
Árbitros: Fortes Pardo e Martínez Flores (comité murciano). Amonestaron con tarxeta amarela a Vadillo, Lemine, Medina, Chicho, Vega, Barrón e Manu Orellana (Manacor) e a Chano e Mendiola (Azkar).
Incidencias: 22ª xornada de liga en 1ª división. Palma Arena. Uns 150 espectadores.
Goles: 0-1 min. 10 Chano, 0-2 min. 20 Álex Diz, 1-2 min. 26 Bruno Taffy, 1-3 min. 36 Aranburu (dobre penalti) e 1-4 min. 40 Iago Rodríguez.











