Uns 50 veciños de Brión participan nunha visita guiada á exposición “Isaac Díaz Pardo. Luz e compromiso”

Visita á mostra
Medio cento de veciños e veciñas de Brión participaron nunha visita guiada á exposición “Isaac Díaz Pardo. Luz e compromiso”, que pode visitarse no IES Brión. Estes veciños tiveron a ocasión de visitar a mostra acompañados da man de Maka Arca Camba e Ana Mosquera Pérez, profesoras do IES nº 1 de Ordes que exerceron de mestras de cerimonias e explicaron o contido da exposición, recollendo múltiples anécdotas da vida e obra de Díaz Pardo.
Ademais, os asistentes puideron tamén a sorte de que entre o público estaban presentes tamén dúas persoas que tiveron unha estreita relación con Díaz Pardo, como Xosé Vizoso, un dos principais deseñadores do Grupo Sargadelos; ou Charo Portela, coordinadora durante un longo período de Edicións do Castro.
IES Brión
“Isaac Díaz Pardo. Luz e compromiso” pretende contribuír a divulgar o traballo desta figura única da cultura galega, “a verdadeira cidade da cultura de Galicia”, segundo Maka Arca. Unha interesante mostra aberta a todos os veciños e veciñas de Brión, que poderán visitala ata o vindeiro 15 de marzo nas instalacións do instituto brionés en horario de mañá.
A exposición percorre toda a vida e obra de Isaac Díaz Pardo, sempre impregnada por un inmenso amor e compromiso coa nosa terra ata a súa morte o 5 de xaneiro de 2012. Comeza coa súa infancia e adolescencia presentando a un neno criado nos valores culturais, ideolóxicos e artísticos da República que ve como todas as súas ilusións e soños dese período escachan en xullo de 1936 co golpe militar e o drama da Guerra Civil. A partir de aí, tivo que ir facendo fronte á vida como puido pero eses anos da nenez deixaron nel unha marca indeleble que sempre alentou nel o desexo de mudar a sociedade galega. Contando coa colaboración de personalidades creadoras como a de Luís Seoane, fixo posible a proposta cultural privada máis importante e transcendental feita en Galicia despois do ano 1936.











