Uns 300 alumnos de Vilagarcía participan nos obradoiros de bebidas saudables do Spad
A Área de Prevención do SPAD de Vilagarcía pon en marcha o vindeiro luns unha nova edición do Obradoiro de Bebidas Saudables. Un total de 285 alumnos e 18 profesores dos centros educativos do municipio participarán na actividade que persoal do SPAD realizará nos propios centros educativos co obxectivo de informar aos nenos e nenas sobre os efectos negativos que ten na saúde o consumo de bebidas alcohólicas ou determinado tipo de refrescos azucrados e para presentarlles de forma práctica outras alternativas ensinándolles a preparar batidos e zumes a base de froitas e lácteos.
Os Obradoiros de Bebidas Saudables englóbanse dentro do subprograma de Educación para a Saúde que desenvolve o SPAD a través da súa área de Prevención. Con este, xa son 15 os anos nos que se leva desenvolvendo esta actividade teórico-práctica coa que se pretende que os nenos e nenas reflexionen sobre o consumo de bebidas que habitualmente consumen, tanto eles, como no seu entorno próximo, proporcionándolles unha información clara sobre o uso e abuso do alcohol. Á vez, e mediante a práctica, pretende fomentarse o consumo de bebidas saudables que eles mesmos aprender a preparar nos obradoiros.
Na primeira semana, os obradoiros levaranse a cabo na Asociación Con Eles, nos colexios de Vilaxoán, A Escardia e Rubiáns. E a seguinte semana nos centros Sagrada Familia, A Lomba, Arealonga e Rosalía de Castro. En total realizaranse 18 sesións. As actividades están orienmtadas a alumnos de 5º curso de educación Primaria.
Unha vez concluída a actividade en Vilagarcía, o SPAD levará os Obradoiros de Bebidas Saudables aos colexios dos outros tres municipios adscritos ao programa de Prevención (son Cambados, Meis e Ribadumia) estando programados ata o de agora 30 sesións cunha poboación destinataria de 485 alumnos e 34 profesores.
Outros programas de prevención
Durante o curso escolar 2013/14, o SPAD ten previsto realizar outros programas e actividades preventivas nos ámbitos escolar, familiar, xuvenil, laboral e de xénero. As intervencións socioeducativas a desenvolver no ámbito escolar inclúen a implantación de materiais didácticos dos programas “Saúde na Escola” e “Contos para conversarmos”, así como as actividades do programa “O Cine como elemento de prevención”.
O persoal do SPA tamén se encarga realizar intervencións socioeducativas nas aulas para abordar temáticas relacionadas coa prevención de consumo de drogas legais e ilegais e outras condutas aditivas, factores de risco e protección, educación para a saúde, habilidades sociais e prevención do VIH-Sida e enfermidades de transmisión sexual a través do Obradoiros de Educación Afectivo Sexual.











