Uns 20 centros educativos de Vigo e área contan con danos estruturais por mor dos últimos temporais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+

Un total de 20 centros educativos de Vigo e a súa área territorial resultaron afectados con diversos danos nas súas estruturas por mor dos últimos temporais que viviu Galicia nas últimas semanas.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta mañá o CEIP Josefa Alonso, un dos 5 centros educativos da cidade de Vigo que se viu afectado con diversos danos e nos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria actuou de inmediato para arranxar as deficiencias detectadas. Así, neste colexio situado na parroquia de Matamá, levouse a cabo a colocación dos paneis do ascensor que, coma explicou Bravo Bosch, “saíron voando polo vento” sen ocasionar danos persoais. O ano pasado, o CEIP Josefa Alonso xa recibira unha inversión superior aos 38.000 euros para a mellora das instalacións térmicas a e mellora dun muro de contención.

Nas últimas semanas, víronse afectados un total de 5 centros educativos da cidade de Vigo. Os IES de Coruxo e Teis e os CEIP Josefa Alonso, San Salvador de Teis e A Paz-Tintureira foron os que se viron máis afectados con danos nas cubertas, canalóns, persianas ou fiestras, entre outros. O custo estimado para facer fronte a estes arranxos chega case aos 185.000 euros.

Ademais, na área territorial de Vigo, os danos foron máis virulentos nos concellos do Val Miñor, Moaña, Porriño, Redondela e Soutomaior. Concretamente, en Baiona, houbo que actuar nos CEIP Fontes Baíña, Sabarís e IES Primeiro de Marzo; en Gondomar, no CEIP Xosé Neira Vilas; en Nigrán, no CEE Panxón; en Moaña, nos CEIP Reibón e A Guía; no Porriño, no CPI Ribeira e no IES Pino Manso; en Redondela, nos IES de Chapela e Pedro Floriani e, en Soutomaior, na EEI Romariz. Os danos máis importantes foron desprendementos de chapas, pranchas e fachadas, roturas nos tellados, filtracións de augas, cubertas e diversos danos por entradas de auga, entre outros.

En total, para facer fronte aos danos ocasionados nos 20 centros educativos de Vigo e área, a Xunta de Galicia estima un investimento superior aos 250.000 euros.

17 de febreiro de 2014 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.