Unhas tortiñas de cabaza e anís gañan o V concurso de receitas “En galego sabe mellor” de Oroso

Doce gañador
Zaira María Pulleiro Sánchez e as súas “Tortiñas de cabaza e anís” convertéronse nas gañadoras da quinta edición do concurso de receitas de Entroido “En galego sabe mellor”, convocado polo Concello de Oroso para recuperar receitas tradicionais destas datas ao tempo que se fomenta o uso da lingua galega. Zaira Mª Pulleiro será galardoada cunha cea para dúas persoas no Restaurante Cortés (Sigüeiro), premio que recollerá o vindeiro sábado 1 de marzo, antes da entrega de premios do Concurso de Disfraces do Concello de Oroso.
O xurado do concurso de receitas escolleu tamén ao finalista do certame: José Ramón Pulleiro Liste, que será agasallado cun libro de cociña polas súas “Filloas recheas de rissotto de grelos e panceta”. Deste xeito, José Ramón Pulleiro convértese no primeiro veciño premiado neste concurso. Ambas receitas estarán dispoñibles na páxina web do Concello de Oroso: www.concellooroso.com.
Concerto didáctico
Por outra banda, o Concello de Oroso dará mañá venres o pistoletazo de saída á programación de Entroido. A partir das 10:00 horas, o centro cultural de Sigüeiro acollerá o Festival do CRA de Oroso. E pola tarde, a partir das 19:00 horas, o grupo Vox Stellae ofrecerá o espectáculo “O rodaballo con botas”, unha adaptación do tradicional conto do gato con botas. Trátase dun espectáculo moi ameno que inclúe numerosas intervencións musicais con cancións de todo tipo e época, dende o Renacemento ata a música popular galega.
“O rodaballo con botas” comezará ás 19:00 horas no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro. Trátase dunha obra recomendada para todos os públicos e a entrada é totalmente libre e de balde.











